Nava Castro clausurou en Viana do Castelo un encontro sobre O Potencial Turístico da Auga explicando a creación do club do produto turístico da auga de Galicia
A cooperación territorial e os produtos turísticos asociados á auga centraron as intervencións da xornada, organizada polo Consorcio Minho IN. A directora de Turismo de Galicia incidiu na importancia de preservar a auga como recurso endóxeno e de poñer en marcha iniciativas que propicien o seu aproveitamento como recurso turístico singular e diferenciador. Nava Castro explicou a iniciativa do seu departamento da posta en marcha dun Club de Produto Turístico da Auga de Galicia, anunciado o pasado día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo.
O Centro de Remo de Viana do Castelo acolleu durante toda a xornada de hoxe un encontro dedicado ao estudo do potencial turístico da auga. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez foi a encargada de clausurar a conferencia, na que interviñeron, entre outros relatores, o coordinador da Unidade para a Cooperación Estratéxica da CCDR-N, Nuno Almeida; o ministro rexional do Orzamento e Autoridade Local da Rexión do Veneto e representante da AECT Euregio Senza Confini, Roberto Ciambetti; o director da AECT Galicia-Norte de Portugal, Juan Lirón; ou o vicepresidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo, Vítor Lemos.
O Consorcio Minho IN está liderado pola Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima conxuntamente coas Comunidades Intermunicipais do Ave e do Cávado, agrupando á Entidade Regional de Turismo Porto e Norte de Portugal, a Comissão de Viticultura da Região dos Vinhos Verdes, ao Instituto de Conservação da Natureza e Biodiversidade, ás Associações de Desenvolvimento Local, así como promotores privados.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que as Nacións Unidas proclamaron este ano 2013 como o Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga e indicou que a importancia da cooperación nesta materia baséase no feito de que o uso da auga “é unha cuestión transversal que require a cooperación de todos os axentes e sectores”. Ao tempo, a Organización Mundial do Turismo tamén conmemorou o Día Mundial do Turismo baixo o lema ‘Turismo e Auga: protexer o noso futuro común”.
Club de Produto Turístico da Auga de Galicia
Nava Castro explicou que, de igual xeito que noutros sectores, a auga é un elemento imprescindible para o desenvolvemento de calquera actividade turística e por isto se deben tomar todas as medidas necesarias para facer “un uso eficiente do mesmo”. A directora de Turismo explicou as potencialidades turísticas do destino Galicia en relación coa auga –resaltando as potencialidades de Galicia como destino termal e como destino de turismo activo en contacto coa natureza- e indicou que Turismo de Galicia traballa na creación do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia.
“O obxecto do Club é promover o desenvolvemento de experiencias turísticas e produtos coa auga como eixo vertebrador”, explicou Nava Castro. A finalidade deste ente será artellar unha oferta atractiva de experiencias turísticas relacionadas coa auga, así como impulsar ao sector para mellorar o uso, o consumo e o aproveitamento do recurso para garantir a súa sostibilidade. O Club permitirá a coordinación dos axentes, a participación activa e conxunta, a mellora da calidade, a aposta pola sostibilidade e a innovación e a especialización. “Con isto, crearase marca e ofreceranse produtos adaptados ás novas demandas e segmentos de demanda”, explicou a directora de Turismo.
Ao tempo, a directora destacou que a auga é un dos eixos vertebradores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O potencial turístico da auga constitúe a base na estrutura de produtos turísticos mixtos. Nava Castro destacou que se está a traballar na potenciación destes recursos para convertilos en produtos turísticos comúns dos galegos e os portugueses. “A Ruta Termal e da Auga polo río Támega, dende Verín a Vidago e viceversa será unha realidade”, explicou. Ademais engadiu que se traballa na elaboración dunha guía que identifique os recursos turísticos e na creación de produtos turísticos sobre os recursos hídricos.