23 dec 2013

Galicia rexistra unha suba do 5,1% na cifra de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros entre xaneiro e novembro

A Comunidade galega é a segunda coa taxa de crecemento de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros máis elevada. No acumulado do ano, entre xaneiro e novembro, só Navarra supera a taxa de crecemento de viaxeiros rexistrada por Galicia nos establecementos hoteleiros, segundo a Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estadística. No mes de novembro, a cifra de pernoitas subiu un 1,8% e a de viaxeiros rexistrou un incremento do 3,1%. No que vai de ano, recolleron a Compostela 23.428 peregrinos máis que no mesmo período do ano pasado, isto é, un 12,2% máis

Galicia rexistrou entre xaneiro e novembro deste ano a segunda taxa de crecemento na cifra de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros de todo o Estado. Só a comunidade de Navarra supera o crecemento do 5,1% en viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros rexistrado en Galicia. A cifra de pernoitas nos once primeiros meses de 2013 tamén subiu un 1,8% a respecto da cantidade rexistrada no mesmo período do ano pasado.

Galicia rexistrou así de xaneiro a novembro máis de 3,2 millóns de viaxeiros aloxados en hoteis e pensións que efectuaron máis de 6,5 millóns de pernoitas. A variación interanual no conxunto do Estado foi do 0,7% na cifra de viaxeiros e do 1,6% na de pernoitas neste mesmo período en comparación cos once primeiros meses de 2012. Ata o mes de novembro, o mercado estranxeiro presenta crecemento da cifra de viaxeiros aloxados do 12,1% e da cifra de pernoitas do 8,7%.

Mes de novembro
Galicia rexistrou no pasado mes de novembro un total de 184.124 viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, isto é, un 3,1% máis que no mesmo mes do ano pasado. A cifra de pernoitas subiu tamén un 1,8% a respecto de novembro de 2012 con máis de 384 mil rexistradas.

Rexistranse, asemade, subas no turismo interno do 3% e do turismo nacional dun 2,6%, no relativo ás pernoitas rexistradas. A cifra de viaxeiros internacionais recibidos nos establecementos hoteleiros galegos medrou tamén un 4,5%. Os hoteis de 3 ou máis estrelas son os que rexistraron mellores resultados, con subas de ata o 10% nas pernoitas.

Peregrinos a Santiago ata o día de hoxe
Dende o 1 de xaneiro ata o 23 de decembro chegaron a Santiago e recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da Rúa do Vilar un total de 215.521 peregrinos, dos que o 50,9% son doutros países.

En total, rexistráronse 23.428 peregrinos máis que no mesmo período do ano pasado. Isto implica unha porcentaxe de suba do 12,2%.

Por Camiños, chegaron un 70,31% de peregrinos polo Camiño Francés; un 13,68% polo Portugués; un 6,21% polo Camiño Norte; un 4,18% pola Vía da Prata; un 3,17% polo Camiño Primitivo; un 2,4% polo Camiño Inglés; un 0,21% polo Camiño Fisterra-Muxía e un 0,20% por outros Camiños

Arriba