24 feb 2014

O castelo de Monterrei rehabilitarase para acoller o parador de Verín

O titular da Xunta presidiu o acto con motivo da rehabilitación deste conxunto arquitectónico, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e Paradores de España, e no que se levan investido case 3,4 millóns de euros.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou a importancia das obras de rehabilitación do castelo de Monterrei que permitirán, dixo, “poñer en valor un ben cultural fundamental para Galicia” e reforzar a posición turística da zona para, desde o turismo, xerar riqueza e emprego na comarca. Así o manifestou esta tarde nun acto celebrado nesta representativa fortaleza que a partir de agora vai ser aberta, en parte, ao uso hoteleiro por medio de Paradores de España.

“Renovamos o noso compromiso cunha das nosas riquezas culturais máis importantes, abríndoo en parte ao uso hoteleiro por parte de Paradores de España -aseverou Feijóo- e, facémolo, blindando tres prioridades: que siga sendo público na súa totalidade, que se manteñan os usos culturais e protexendo o 100 por cento dos postos de traballo actuais”. Recoñeceu, así, que a colaboración entre a Xunta e Paradores de España para a reforma deste conxunto arquitectónico “garante rendibilidade, riqueza e emprego para a comarca”.

Maior rendibilidade dos recursos investidos, explicou, porque pon en valor todo ese investimento ao tempo que mantén o uso de Ben de Interese Cultural; e, maior riqueza turística, porque mellora “cualitativa e cuantitativamente a oferta”, cun centro hoteleiro de referencia que permitirá captar máis visitantes e novos segmentos de público, e que dá resposta a unha necesidade obxectiva nesta zona, con dificultades para ofertar prazas hoteleiras especialmente nas tempadas altas, observou.

Pero, ademais, Feijóo destacou que se trata dunha iniciativa especialmente importante para o emprego. As persoas que xa traballan no Parador actualmente teñen garantido que se manterán os seus postos de traballo e que, deste xeito, serán máis estables. E, tamén, pola posibilidade de que se incremente a oferta laboral na zona se finalmente se concreta a explotación do actual Parador por algún operador privado.

Unha reforma ambiciosa
Segundo apuntou, os obxectivos desta reforma son “ambiciosos”. Por un lado, sinalou, a importancia de que esta comarca conte, por primeira vez, cun establecemento de catro estrelas e estea “á altura da calidade que distingue Galicia entre os destinos turísticos da nosa terra”. Por outra banda, que se abra a posibilidade de que se siga explotando tamén o actual Parador, para reforzar a oferta hoteleira da comarca. E, finalmente, destacou a necesidade de que esta zona vexa incrementado o seu atractivo turístico para os visitantes. “Iso é o que nos propoñemos con esta colaboración que vimos de materializar e pola que, a partir de agora, nos poñemos a traballar”, aseverou Feijóo.

O mandatario galego asegurou que a conservación da que cualificou como “a acrópole máis importante de Galicia” era un propósito da Xunta desde hai tempo e, ao respecto, recoñeceu que “estamos no bo camiño”. Por un lado, desenvolvendo este proxecto de rehabilitación para conservar esta gran riqueza cun investimento ata o de agora de case 3,4 millóns de euros; e, por outro, aproveitándoo para usos culturais como obxectivo prioritario para revitalizar este conxunto, ou para usos turísticos, sen que deixe de ser público.

Feijóo salientou que esta aposta “vai reforzar de forma moi notable a oferta turística desta comarca ”porque a nova situación do Parador neste castelo permitirá que Verín-Monterrei conten por primeira vez cun establecemento de 4 estrelas e que, ademais, recuperen un Parador aberto os 365 días do ano. Pero, ademais, subliñou que tamén abre a posibilidade de que a situación actual sexa explotada por algún outro operador e, deste xeito, se incremente e diversifique a oferta hoteleira desta zona.

O presidente da Xunta rematou a súa intervención referíndose á oferta de posibilidades turísticas que leva posto en marcha a Xunta na provincia de Ourense: o ‘Plan Ourense, provincia termal’; a Casa da Xuventude de Verín como sala de exposicións e oficina de turismo; ou outros atractivos como o Camiño, a gastronomía, a enoloxía ou o entroido.

Pola súa parte, Ángeles Alarco, presidenta de Paradores, asegurou que “o novo establecemento da rede contribuirá de cheo a potenciar o valor da marca Paradores, que nos diferencia entre os nosos competidores, dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Arriba