O consello de Administración do Xacobeo aprobou hoxe o nomeamento de Rafael Sánchez Bargiela como xerente da sociedade
Está licenciado en Xeografía e Historia e especializado en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela, así como en Arquivística e Biblioteconomía. - Ten desenvolvido tarefas de dirección relacionadas co ámbito cultural en diversas administracións públicas e autor de varias publicacións científicas e divulgativas
O consello de Administración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo aprobou hoxe o nomeamento de Rafael Sánchez Bargiela como xerente da sociedade.
Rafael Sánchez Bargiela é licenciado en Xeografía e Historia, na sección de Historia e na especialidade en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, está especializado en Biblioteconomía e Arquivística pola mesma universidade. Ten o título de grao coa tese de licenciatura As vinculacións de parentesco como elemento de diferenciación social: o caso dos nobres galegos dos séculos XI e XII.
Ademais ten realizado cursos de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostea sobre historia medieval de Galicia; aproximación á arqueoloxía medieval galega; a propaganda na Idade Media e a violencia nobiliar na Galicia do século XV.
Sánchez Bargiela ten desenvolvido tarefas de dirección relacionadas co eido cultural en diversas administracións públicas como o Concello de Ponteareas ou o Concello de Tui. De igual xeito, desenvolveu labores docentes e de coordinación de accións formativas relacionadas co eido cultural ou con proxectos de investigación. Así por exemplo, colaborou no Inventario de fontes documentais da Galicia medieval I e foi profeso titor na Aula da Uned de Tui nas materias de Historia, Xeografía e Historia da Arte.
De igual modo, Rafael Sánchez Bargiela é autor de varias publicacións e participou en proxectos de investigación e reunións científicas, así como de capítulos de libros e artigos en revistas de carácter científico, ademais de publicacións de carácter divulgativo e xornalístico.
É membro fundador do Instituto de Estudos Tudenses e vicepresidente da Asociación de Amigos da Catedral de Tui.