27 xuñ 2014

‘On the road’, a gran exposición do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, abre hoxe as súas portas en Santiago

A igrexa e o cemiterio de Bonaval, xunto con algunhas rúas do casco histórico, forman parte tamén dos espazos da exposición que se centra no concepto de camiñar a través da mirada da creación artística contemporánea dalgúns dos artistas más relevantes do momento no eido internacional.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria da Exposición, Gloria Moure, presentaron onte este evento.

O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, ademais de espazos urbanos emblemáticos da cidade son os escenarios da mostra estrela do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís que se inauguró la pasada semana en Santiago de Compostela e que se poderá visitar ata o 30 de novembro.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais a comisaria da mostra, Gloria Moure realizaronunha presentación para os medios de comunicación deste gran proxecto expositivo que aglutina as creacións dalgúns dos artistas contemporáneos máis influentes do momento no panorama nacional e internacional e que xira arredor da idea do Camiño de Santiago percorrido polo santo de Asís e do concepto de camiñar.

On the Road é o proxecto expositivo máis relevante do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Segundo explicou Nava Castro, no ano 2014 cúmprense oito séculos da viaxe efectuada por Francisco de Asís a Santiago de Compostela, feito que “nos ofrece a posibilidade de repensar o seu universo desde o noso presente e crear un evento cultural de relevancia internacional arredor da súa imaxe e as conexións culturais coa actualidade”.

Nava Castro incidiu tamén no feito de que a mostra On the Road deixará como legado do centenario para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez, para o seu uso cultural, de modo que para acoller On the Road, Turismo de Galicia levou adiante no Pazo de Xelmírez unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento para o que se asinou un acordo entre a Administración autonómica e a Fundación Catedral de Santiago.

O Pazo de Xelmírez é un dos poucos exemplos de arquitectura románica aínda en pé e trátase dun edifico do século XII contiguo á propia catedral e que foi ampliado nos séculos XIII, XV e XVI. As partes principais deste son o salón de Armas, o salón de Festas e a cociña. Segundo explicou a directora de turismo, “o obxectivo desta intervención para adecuar o espazo ao seu uso turístico e cultural é dinamizar a oferta cultural durante a celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela”.

Trátase da recuperación e apertura por primeira vez á cidade deste pazo medieval que contará a partir de agora con tres plantas practicables.

Ao tempo, Nava Castro matizou que a exposición On the Road afonda na idea do Camiño, no sentido de camiñar, no camiño percorrido polo Santo de Asís. Esta mostra xerará ademais un percorrido pola cidade de Compostela, “a súa visita impulsará a camiñar polas rúas compostelás e permitirá descubrir o verdadeiro significado da experiencia expositiva”.

On the Road conta coa participación de 35 artistas de gran prestixio nacional e internacional: Francis Alÿs; Giovanni Anselmo; Jorge Barbi; Lothar Baumgarten; Joseph Beuys; Alighiero Boetti; Christian Boltanski; Marcel Broodthaers; John Cage; Mircea Cantor; Janet Cardiff & George Bures Miller; Tacita Dean; Jimmie Durham; Guillermo Faivovich & Nicolás Goldberg; Félix González-Torres; João Maria Gusmão & Pedro Paiva; Roni Horn; Annika Kahrs; Amar Kanwar; Yves Klein; Jannis Kounellis; Antón Lamazares; Richard Long; Aníbal López; Piero Manzoni; Anthony McCall; Mario Merz; Nam June Paik; Giuseppe Penone; Perejaume; Caio Reisewitz; Robert Smithson; Antoni Tàpies; Lawrence Weiner e Franz West. Doce destes artistas crearon obras específicas para a exposición. Segundo explicou Nava Castro, a exposición recrea un “Camiño” que conforma unha experiencia única e que combina o percorrido entre as diferentes sedes coas obras en espazos exteriores da cidade.

Pola súa parte, a comisaria da mostra, Gloria Moure, explicou que On The Road supuxo un traballo exhaustivo na que os artistas son os verdadeiros protagonistas. Segundo dixo, a figura de San Francisco e a súa actitude é o tema central da mostra. Trátase dun dos personaxes con maior protagonismo na historia da arte e que ten sido representado por artistas de todas as épocas.

Moure explicou que a mostra non queda na súa superficie ou representación senón que afonda nas actitudes do mesmo. Fundamentalmente comentou que a mostra se centra nas seguintes actitudes:
- Camiñar como experiencia
- A idea de que para San Francisco o mundo non era unha paisaxe, senón que todos formabamos parte dese todo
- A experiencia como valor de coñecemento fronte a idea de racionalismo
- O enfrontamento coas regras establecidas

Segundo recalcou, San Francisco foi un revolucionario do seu tempo e deixou pegada nos artistas que se sentiron identificados con esas actitudes.

Arriba