30 xuñ 2014

Turismo destaca a aposta polo desenvolvemento turístico dos territorios vitivinícolas no acto de sinatura do convenio co Concello de Cambados para celebrar a Festa do Albariño 2014

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, acompañados do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís asinaron onte un convenio de colaboración para a celebración da festa que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.

A edición número LXII da Festa do Albariño celebrarase este ano entre os días 30 de xullo e 3 de agosto.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o alcalde de Cambados, Luis Aragunde asinaron onte en Pontevedra o convenio de colaboración para a celebración da edición 2014 da Festa do Albariño. No acto estivo presente tamén o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, esta acción promocional enmárcase no Plan Integral de Turismo, cuxa liña estratéxica número dous está relacionada coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, procurando a desestacionalización e os novos públicos. Ao tempo recolle entre outras accións, o programa para o desenvolvemento e promoción do produto transversal do turismo enogastronómico; o fortalecemento e dinamización das bodegas e viticultores das Rutas do Viño de Galicia e a definición da estratexia de promoción das festas de interese turístico.

Nava Castro incidiu en que a Festa do Viño do Albariño é unha celebración que enxalza o traballo realizado por produtores e colleiteiros da D.O. Rías Baixas durante todo o ano e unha festa que promociona o turismo enogastronómico fóra das nosas fronteiras pola gran importancia e repercusión que está a acadar. En definitiva, a Festa do Viño do Albariño é un importante reclamo turístico que combina a enoloxía coa gastronomía cun amplo programa de actividades que a converte “nunha cita ineludible no calendario festivo galego”.

A exaltación do Viño do Albariño foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional no ano 1990, distinción que comparte con once festas máis, diseminadas por todo o territorio galego. Este ano, Cambados acollerá a LXII edición da festa entre os días 30 de xullo e 3 de agosto. Segundo explicou a directora de Turismo, as festas son un símbolo da nosa identidade e “constitúen un recurso turístico máis, integran aos visitantes na vida dos territorios e amosan a mellor cara dos pobos e das xentes”.

Indicou ao tempo que, tanto as festas vinculadas á cultura do viño como a propia riqueza enolóxica son produtos claves no desenvolvemento económico destes territorios. Nava Castro lembrou que as Rutas dos Viños son un instrumento moi potente para potenciar o desenvolvemento enoturístico da comunidade e incidiu en que Turismo de Galicia aposta pola potenciación do turismo enogastronómico e polo enoturismo como unha oferta diferencial, sostible e innovadora.

Desenvolvemento de produtos relacionados co enoturismo
É por isto que, segundo matizou, xunto ás Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños ou a aplicación para teléfonos intelixentes que permiten percorrer as rutas, as adegas, os restaurantes e os recursos turísticos fundamentais dos territorios vitivinícolas galegos “vimos de poñer en marcha, en colaboración con Renfe, a experiencia de percorrer en tren os territorios vitivinícolas de Galicia e os seus recursos máis atractivos”. Galicia estreou este verán os Trens Turísticos polas Rutas dos Viños de Galicia.

Trátase de rutas en ferrocarril que dispoñen dun servizo de guía especializado en todo o traxecto e dispón de percorridos en autobús que achegan aos visitantes aos puntos de interese.

A directora de Turismo de Galicia resaltou que as Rutas dos Viños de Galicia constitúen unha ocasión para degustar os mellores sabores da nosa terra e “a festa do Albariño é unha excelente ocasión para coñecelas”.

Arriba