07 out 2014

O Instituto Cervantes de Hamburgo acolle dende hoxe o simposio ‘A rosa dos ventos da xeografía xacobea en Europa’

Turismo de Galicia colabora coa organización deste evento no que participan os máis sobresaíntes investigadores europeos das peregrinacións xacobeas.

No acto de inauguración participa hoxe o xefe da Área de Cultura Xacobea da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul.

A sede do Instituto Cervantes de Hamburgo acolle desde onte o simposio ‘A Rosa dos ventos da xeografía xacobea en Europa’, un evento que se celebrará ata o día 8 de outubro e no que participan os máis sobresaíntes investigadores das peregrinacións xacobeas.

Este simposio celébrase coa colaboración de Turismo de Galicia e do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Kiel, e na inauguración de hoxe participou o xefe da Área de Cultura Xacobea da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul.

Esta xuntanza profesional conta cun bo número de insricións e entre os investigadores que participan se atopan o presidente do Gremio de expertos, Paolo Caucci von Saucken, os presidentes das asociacións alemá e francesa, Klaus Herbers e Adeline Rucquoi.

O simposio, cuxo cartel conta cun motivo orixinal do artista galego Antón Lamazares, está organizado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade de Kiel e dirixido por Javier Gómez-Montero. Ademais conta co apoio da Deutsche Forschungsgemeinschaft, enmarcado no Programa de Acción Cultural exterior HISPANEX do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e de Turismo de Galicia. Completa a representación oficial a conselleira de Cultura da Embaixada de España en Berlín, Gloria Mínguez Repiñón, e a directora do Instituto Cervantes en Hamburgo, Helena Cortés Gabaudan.

Entre os actos públicos destaca a presentación polo presidente de honra da Asociación xacobea alemá, Robert Plötz, do libro ‘Imaginarios jacobeos en América’, coordinado por Javier Gómez-Montero, catedrático do Romanisches Seminar da Universidade de Kiel e responsable do Centro de Estudos Galegos de Kiel, e coa coordinación adxunta á edición da profesora mexicana de Kiel Jimena Hernández Alcalá.

Neste volume, que consta de doce estudos e cinco cadernos de imaxes a toda cor, analízanse as manifestacións do culto a Santiago en América Latina que representan formas de apropiación cultural dos mitos xacobeos e supón unha orixinal achega á antropoloxía cultural dos mitos arredor de Santiago Apóstolo que conforman un imaxinario que deixou unha fonda pegada en contos, lendas e poemas contemporáneos, iconografía popular e sacra, tradicións orais e monumentos arquitectónicos.

Tamén terá lugar a lectura e coloquio co autor, e profesor de literatura na Universidade de Oxford, John Rutherford sobre a súa novela ‘As frechas de ouro’, título onde se mostra o trasfondo máis humano do Camiño a través da voz dun peregrino inglés, e a conferencia “Zingari postmedievali in itinere Beati Iacobi” a cargo de Robert Plötz, presidente de honra da Deutsche St. Jakobsgesellschaft.

Arriba