27 out 2014

A exposición “On the Road’ supera os 50.000 visitantes catro meses despois da súa inauguración

O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, e espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago acollen esta mostra que permanecerá aberta ata finais de novembro.

Trátase dunha das principais actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

A exposición “On the Road”, organizada por Turismo de Galicia, superou os 50.000 visitantes, xusto cando se cumpren os catro meses da súa inauguración. A mostra, unha das principais actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, continuará recibindo visitantes ata finais de novembro.

Este ambicioso proxecto expositivo conta cun conxunto de 44 pezas que abarca un abanico moi amplo de formatos artísticos: pinturas, esculturas, fotografías, instalacións, vídeos e films así como intervencións no espazo urbano.

Esta homenaxe á peregrinación do Santo de Asís e ao concepto de camiñar conta coa participación de 35 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel. ‘Francis Alÿs; Giovanni Anselmo; Jorge Barbi; Lothar Baumgarten; Joseph Beuys; Alighiero Boetti; Christian Boltanski; Marcel Broodthaers; John Cage; Mircea Cantor; Janet Cardiff & George Bures Miller; Tacita Dean; Jimmie Durham; Guillermo Faivovich & Nicolás Goldberg; Félix González-Torres; João Maria Gusmão & Pedro Paiva; Roni Horn; Annika Kahrs; Amar Kanwar; Yves Klein; Jannis Kounellis; Antón Lamazares; Richard Long; Aníbal López; Piero Manzoni; Anthony McCall; Mario Merz; Nam June Paik; Giuseppe Penone; Perejaume; Caio Reisewitz; Robert Smithson; Antoni Tàpies; Lawrence Weiner e Franz West son os artistas que participan na gran exposición. Doce destes artistas crearon obras específicas para exhibirse en Santiago de Compostela.

O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, e espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago, como a praza do Obradoiro ou o Hostal dos Reyes Católicos, son os escenarios que acollen este singular repertorio de inquedanzas, saberes, visións e achegas artísticas que converteuse nestes meses nunha parada ineludible para os que visitan Galicia e Santiago de Compostela.

Arriba