12 xuñ 2015

Turismo de Galicia impulsa o turismo ornitolóxico co novo programa “De póla en póla”

Trátase dun innovador programa que permite gozar dunha fin de semana en contacto coa natureza descubrindo o mundo das aves, combinando o turismo rural co turismo ornitolóxico.

“De póla en póla” é a primeira iniciativa dun programa extenso de turismo ornitolóxico que se presentará de maneira completa no próximo ano.

Na páxina web de Turismo de Galicia conta xa cunha plataforma específica de turismo ornitolóxico, con diversas rutas dos mellores lugares de Galicia para o avistamento de aves.

A directora xeral de Conservación da Natureza destacou que as condicións naturais de Galicia e súa posición estratéxica converten a nosa comunidade nun dos mellores lugares de España para a observación ornitolóxica.

As directoras da Axencia de Turismo de Galicia e de Cosnervación da Natureza, na presentación do programa

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, presentaron o novo programa de turismo ornitolóxico “De póla en póla”.

Trátase dun innovador programa co que Turismo de Galicia convida a gozar dunha fin de semana en contacto coa natureza descubrindo o mundo das aves.

O programa inclúe, ademais dunha formación teórica e práctica de introdución á observación de aves, a estancia en establecementos rurais de Galicia.

Así, “De póla en póla” ofrece aos amantes do mundo ornitolóxico un completo programa de fin de semana que inclúe o aloxamento de venres a domingo nos establecementos rurais de Galicia seleccionados, as ceas do venres e sábado, os almorzos do sábado e domingo, un xantar tipo picnic para o sábado, para gozar do campo mentres se realizan as primeiras observacións, e a formación teórico-práctica de observación de aves impartida por un monitor experto.

Nesta primeira edición Turismo de Galicia escolleu para este programa tres dos espazos máis senlleiros da xeografía galega para o avistamento de aves: o Canón do Sil, A Terra Chá e os Ancares e Montes de Cervantes.

Durante a rolda de prensa de presentación, Nava Castro afirmou que dende Turismo de Galicia apóstase polo turismo ornitolóxico como un uso sostible dos recursos naturais que permite achegarnos á natureza e ás paisaxes desde un punto de vista singular, cercano e privilexiado.

“Co programa que presentamos, que combina estas dúas riquezas de Galicia, a natureza e o turismo rural, temos por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promover o turismo ornitolóxico, e favorecer a desestacionalización”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

Neste senso, Nava Castro explicou que “De póla en póla” é unha das accións contempladas na segunda liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia, centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos.

Segundo sinalou a responsable de Turismo da Xunta, nesta estratexia enmárcanse outras iniciativas do eido do turismo ornitolóxico das cales destacou a asistencia á Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, que se celebra no Parque Nacional de Monfragüe, en Extremadura, e trátase do certame turístico máis importante do sector en España.

Programa para o impulso do turismo ornitolóxico
A directora de Turismo de Galicia explicou que “De póla en póla” é a primeira iniciativa dun programa extenso de turismo ornitolóxico que presentarase de maneira completa no próximo ano.

Así mesmo, Nava Castro destacou que na páxina web de Turismo de Galicia, no apartado Goza Experiencias, está xa posta en marcha unha plataforma específica de turismo ornitolóxico, con diversas propostas de rutas dos mellores lugares de Galicia, o “Top Ten do Turismo Ornitolóxico”. “En todas estas zonas hai rutas, para facer en coche ou a pé, con información e soporte de Google Maps, onde vaise indicando as especies mais emblemáticas de cada espazo”, explicou a directora de Turismo de Galicia. “Iremos reformando, enriquecendo e creando diferentes contidos neste novo espazo da nosa web”, engadiu.

“Sen dubida, estas iniciativas contribúen a afianzar el posicionamiento de Galicia como destino turístico diferencial e impulsan a desestacionalización da demanda, un dos retos prioritarios de Turismo de Galicia na actualidade”, concluíu a responsable de Turismo.

Un lugar privilexiado para a observación ornitolóxica
Pola súa parte, a directora xeral de Conservación da Natureza destacou que as condicións naturais de Galicia e súa posición estratéxica converten a nosa comunidade nun dos mellores lugares de España para a observación ornitolóxica.

Segundo explicou, Verónica Tellado, a nosa comunidade alberga 61 espazos de alto interese ornitolóxico identificados e repartidos polas catro provincias.

“Todo estes espazos fan que Galicia ofreza excelentes oportunidades para a observación de aves en todo o seu territorio e ao longo de todo o ano”, concluíu.

Arriba