‘On the Road’, a gran exposición do VIII centenario de San Francisco de Asís a Compostela, finaliza con gran éxito ao recibir preto de 60.000 visitantes
A exposición converteuse nunha parada ineludible para os que visitaron Galicia e Santiago de Compostela e fomentou o incremento de viaxeiros aloxados na nosa comunidade que no mes de outubro rexistrou un crecemento do 15,5%.
Un ambicioso proxecto expositivo que aglutinou en Galicia as creacións dalgúns dos artistas contemporáneos máis recoñecidos tanto do ámbito nacional como internacional na actualidade.
‘On the Road’ deixa como legado para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez.
A exposición ‘On the Road’, inaugurada o pasado 27 de xuño por Turismo de Galicia, pechou as súas portas o pasado domingo día 20 de novembro, con preto de 60.000 visitantes.
Finalizou deste xeito con gran éxito unha das principais actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
Un ambicioso proxecto expositivo que aglutinou en Galicia as creacións dalgúns dos artistas contemporáneos máis recoñecidos tanto do ámbito nacional como internacional da actualidade.
Un homenaxe á cultura do noso tempo arredor da peregrinación do Santo de Asís e ao concepto de camiñar formada por un conxunto de 44 pezas que abarcaba un amplo abanico de formatos artísticos: pinturas, esculturas, fotografías, instalacións, vídeos e films así como intervencións no espazo urbano.
A mostra contiña obras de 35 artistas de primeiro nivel creadas especificamente para a ocasión, como as de Francis Alÿs, Tacita Dean ou Jimmy Durham; así como obras de recoñecidos artistas, como John Cage, Mario Merz ou Antthony McCall que adaptándose a singularidade do contorno adquiriron unha nova dimensión expresiva. Tamén atopabamos unha representación dalgúns dos artistas galegos de maior proxección internacional, como Jorge Barbi e Antón Lamazares.
O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, e espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago, como a praza do Obradoiro ou o Hostal dos Reis Católicos, foron os escenarios desta gran mostra que xerou unha peregrinaxe de multiude de visitantes polas rúas de Compostela.
Unha parada ineludible que fomentou o incremento de turistas
‘On the Road’ converteuse durante estes meses nunha parada ineludible para os que visitaron Galicia e Santiago de Compostela e unha gran motivación para elixir a nosa comunidade como destino.
Grazas a este proxecto expositivo e outras grandes citas do VIII Centenario que están a dinamizar Galicia, os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística mostran grandes incrementos tanto no número de turistas que nos visitaron nos últimos meses como no volume de pernoitas.
O pasado mes de outubro Galicia experimentou un incremento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 15,5% e no volume de pernoitas do 13,7%. Con estes incrementos Galicia liderou a nivel estatal o crecemento na cifra de viaxeiros e, xunto con Murcia, foi a comunidade cun incremento mais acusado na cifra de pernoitas.
Moi salientable tamén é o aumento producido no turismo internacional que, no pasado mes de outubro, rexistrou un incremento do 22,3% superando no que vai de ano o millón de viaxeiros aloxados e marcando novamente no mes de outubro máximos históricos tanto de volume –con 105.000 viaxeiros e 170.000 pernoctacións- como de peso no conxunto da demanda –representou o 30% dos viaxeiros aloxados e o 25,2% das pernoctacións neste décimo mes do ano-.
Un gran legado para Galicia
‘On the Road’ deixa como legado para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez.
Para acoller esta mostra e para o seu uso cultural posterior, Turismo de Galicia levou adiante neste Pazo unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento.
O Pazo de Xelmírez é un dos poucos exemplos de arquitectura románica aínda en pé. Un edificio do século XII, adosado á propia catedral, que foi ampliado nos séculos XIII, XV e XVI.
Un gran legado medieval, en gran parte oculto ata a actualidade, e que desde agora se suma, con tres plantas practicables, ao gran conxunto patrimonial da tradición franciscana en Galicia.
‘On the Road’ contribuíu á posta en valor deste espazo tan valioso histórica e artisticamente, e agora tamén turisticamente.