Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago asinarán un convenio de colaboración para a creación dun centro de acollida aos peregrinos en Santiago de Compostela
O Consello da Xunta aprobou o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago.
O convenio definirá as bases reguladoras da concesión directa dunha subvención por parte de Turismo de Galicia á Fundación Catedral de Santiago para financiar os custos derivados da rehabilitación da edificación denominada “asilo de Carretas”.
Trátase dunha necesidade derivada do actual dinamismo do Camiño de Santiago e o incremento continuo do número de peregrinos, que no que vai de ano xa superou os 236.000, o que supón un incremento de máis do 10%.
O Consello da Xunta aprobou a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago para a execución da obra de rehabilitación da edificación denominada “asilo de Carretas” para a creación dun centro de acollida aos peregrinos en Santiago de Compostela.
O convenio definirá as bases reguladoras da concesión directa dunha subvención por parte de Turismo de Galicia á Fundación Catedral de Santiago para financiar os custos derivados da redacción do proxecto básico e de execución da obra de rehabilitación da edificación denominada “asilo de carretas” para a creación dun centro Internacional de acollida aos peregrinos en Santiago de Compostela.
En virtude do convenio, a Fundación Catedral de Santiago comprométese a:
- Levar a cabo as accións obxecto do convenio, co compromiso de manter o investimento por un período de cinco anos, como mínimo, desde a finalización da obra
- Executar o orzamento na cantidade de un millón cincocentos cincuenta mil euros (1.550.000,00 euros).
- Asumir a xestión do funcionamento do centro internacional de acollida de peregrinos, sen que esta actuación xere ingresos para a fundación, nin se cobre polo seu uso aos peregrinos usuarios do centro.
Turismo de Galicia, pola súa parte, financiará as actuacións por un importe dun millón cincocentos cincuenta mil euros (1.550.000 euros).
O dito convenio estenderá a súa vixencia ata o 30 de setembro de 2015.
Unha vella aspiración dos peregrinos
A creación do Centro de Acollida aos Peregrinos é unha vella aspiración dos peregrinos que cando chegaban ao final do Camiño non atopaban un lugar onde poder expresar as súas emocións e experiencias e onde poder informarse sobre Galicia e o seus recursos.
Este centro suporá un fito na atención aos peregrinos xacobeos que disporán dun lugar de encontro e reflexión nun Centro que contará con diversos servizos como unha Oficina do Peregrino, onde poderán recoller a súa Compostela, un salón de actos, unha capela, un centro interconfesional, unha área de información turística, unha biblioteca e centro de documentación xacobeo, unha zona de atención en idiomas, unha área para asociacións amigos do Camiño, etc.
Deste xeito, Santiago de Compostela mellorará e incrementará a súa capacidade de acollida aos peregrinos, aspecto que agora resulta necesario dado o actual dinamismo do Camiño de Santiago e o incremento continuo do número de peregrinos, que no que vai de ano xa superou os 236.000, o que supón un incremento de máis do 10%, en relación ao mesmo período do ano pasado.