Os turistas internacionais gastaron en Galicia no mes de novembro un 23% máis que no mesmo mes de 2013, superando os 45 millóns de euros
O gasto do turismo internacional en Galicia experimentou un crecemento continuado dende o mes de maio.
Nos once primeiros meses do ano, os turistas internacionais gastaron na nosa comunidade máis de 845 millón de euros, o que supón un incremento de máis do 20% en comparación ao mesmo período do ano 2013.
Francia, Portugal e Reino Unido son os países que xeraron un maior gasto total en Galicia nestes primeiros once meses do ano.
O gasto dos turistas internacionais superou en Galicia os 45 millóns de euros no mes de novembro, o que supón un aumento de máis do 23% con respecto ao mesmo mes de 2013, segundo as cifras proporcionadas hoxe pola enquisa de gasto turístico Egatur elaborada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
Nos once primeiros meses do ano, os turistas internacionais gastaron na nosa comunidade 845.295.267 euros, o que supón un incremento de máis do 20% en comparación ao mesmo período do ano 2013. Segundo estes datos, o gasto total do turismo internacional en Galicia experimentou un crecemento continuado dende o mes de maio, manténdose, por tanto, unha tendencia positiva neste 2014.
O gasto medio por turista, nos once primeiros meses do ano, foi de 870,63 euros. Mentres que no mes de outubro a cifra ascende a 907,94 euros, un 18,1% mais que no mesmo mes do ano 2013.
En canto ao gasto por persoa e día, no mes de novembro ascendeu a 116,43 euros, experimentando un leve incremento en relación ao mesmo mes de 2013.
Francia, Portugal e Reino Unido son, por esta orde, os países que xeraron un maior gasto total en Galicia nestes primeiros once meses de 2014, supoñendo o 18%, 13% e 12% do total, respectivamente. A continuación destes, os países que xeraron mais gasto na nosa comunidade foron Estados Unidos, Suíza, Italia e Alemaña.
A nivel nacional, o gasto dos turistas internacionais alcanzou os 59.810 millóns de euros nos once primeiros meses do ano. En canto ao mes de novembro, os turistas internacionais gastaron no noso país 3.436 millóns de euros.
O gasto total realizado en Galicia supuxo en novembro o 1,3% do total realizado no conxunto de España, e o 1,4% nos once primeiros meses.