Turismo de Galicia financiará a rehabilitación do edificio “Asilo de Carretas” para a creación do Centro de Acollida aos Peregrinos en Compostela
Grazas á achega de Turismo de Galicia levarase a cabo a redacción do proxecto básico e de execución, a realización das obras de rehabilitación da edificación e a limpeza e adecuación dos xardíns existentes na parcela.
O centro suporá un fito na atención aos peregrinos xacobeos, feito que é necesario dado o actual dinamismo do Camiño de Santiago e o incremento continuado do número de peregrinos.
O número de peregrinos que recolleron a Compostela no 2014 superou a cifra dos 237 mil o que supuxo un incremento de máis do 10%.
Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela asinaron hoxe un convenio de colaboración para a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos en Compostela.
Ante a necesidade de ofertar un espazo de benvida aos peregrinos e mellorar e incrementar así a capacidade de acollida de Santiago de Compostela, Turismo de Galicia, a través deste acordo de colaboración, financiará a rehabilitación do edificio “Asilo de Carretas”, situado na esquina da rúa Carretas coa rúa de Domingo García-Sabell, para acoller este centro de peregrinos.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia durante a sinatura do convenio, na actualidade, Galicia conta cunha importante rede asistencial ao longo dos distintos camiños e unha ampla rede de albergues pero carece dun centro de referencia para os peregrinos na meta do Camiño. Neste senso Nava Castro sinalou que “a creación deste Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos comprace unha vella aspiración dos peregrinos que cando chegaban ao final do Camiño non atopaban un lugar onde poder expresar as súas emocións e experiencias e onde poder informarse sobre Galicia e o seus recursos”.
Grazas á achega de Turismo de Galicia levarase a cabo a redacción do proxecto básico e de execución, a realización das obras de rehabilitación da edificación e a limpeza e adecuación dos xardíns existentes na parcela.
“O centro suporá un fito na atención aos peregrinos xacobeos, feito que é necesario dado o actual dinamismo do Camiño de Santiago e o incremento continuado do número de peregrinos”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.
O Centro, que terá unha superficie superior aos 1.400 m2, contará con diversos servizos como unha Oficina do Peregrino, onde poderán recoller a súa Compostela, un salón de actos, unha capela, un centro interconfesional, unha área de información turística, unha biblioteca e centro de documentación xacobeo, unha zona de atención en idiomas, unha área para asociacións amigos do Camiño, etc.
“Un aposta máis da Xunta de Galicia por mellorar un dos fenómenos máis universais da civilización actual e o principal recurso turístico e cultural de Galicia, o noso produto estrela e a nosa marca diferencial”, concluíu Nava Castro.
Un Camiño en pleno auxe
O número de peregrinos que recolleron a Compostela no 2014 superou a cifra dos 237 mil. Isto supuxo un incremento de máis do 10% con respecto aos peregrinos que acudiron á oficina do peregrino no ano 2013. Os peregrinos estranxeiros supuxeron máis do 52% do total contabilizándose máis de 156 países de orixe distintos o que mostra a gran capacidade do Camiño para atraer turistas a nivel internacional.
Deste xeito, o Camiño de Santiago ten cada vez máis adeptos seguindo unha forte progresión ascendente no seu número de peregrinos. Ademais a tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son máis numerosos que os nacionais. “Con isto, o Camiño converteuse no noso principal elemento captador de turismo internacional, o noso sinal de identidade e a nosa carta de presentación a nivel mundial”, destacou a directora de Turismo de Galicia.
Potenciación sustentable do Camiño de Santiago
Nava Castro destacou durante a sinatura do convenio o intenso traballo da Xunta de Galicia a prol do desenvolvemento sustentable do Camiño de Santiago. “Apostamos pola revitalización, conservación e dinamización da ruta, para non perder esa esencia que encandea ano tras ano numerosos peregrinos e que supón o outorgamento de numerosas distincións e galardóns ao longo da historia”, explicou Nava Castro.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou o desenvolvemento do Plan director do Camiño de Santiago, que “marcará as directrices para favorecer a conservación da esencia do Camiño na nosa Comunidade autónoma, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo”.