09 mar 2015

Turismo de Galicia presenta o diario manuscrito dun peregrino que chegou a Santiago no 1610

A publicación do libro, “La peregrinación a Santiago de Diego de Guzmán, diario inédito de 1610”, enmárcase no Oitavo Centenario de San Francisco de Asís.

Un documento único descuberto na Real Academia da Historia polo historiador da Universidade de Santiago de Compostela, Julio Vázquez Castro.

Manuscrito, de 25 follas, non só relata vivencias persoais, senón tamén aporta interesantes datos históricos ou do contexto social.

urismo de Galicia presentou no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, o libro “La peregrinación a Santiago de Diego de Guzmán, diario inédito de 1610”.

Trátase dun diario manuscrito do peregrino Diego de Guzmán, limosneiro e capelán real, que relata a súa peregrinación a Santiago, a onde chegou no outono de 1610. Un documento único descuberto na Real Academia da Historia polo historiador da Universidade de Santiago de Compostela, Julio Vázquez Castro.

O manuscrito, de 25 follas, non só relata vivencias persoais, senón tamén aporta interesantes datos históricos ou do contexto social que o autor ía atopando no seu camiño, o que enriquece aínda máis o valor do documento.

O profesor Julio Vázquez Castro realiza para esta edición un estudo rigoroso, revelador e ilustrado dun relato de viaxes de enorme interese para todo o mundo xacobeo e para a historia da cidade de Santiago de Compostela.

Grazas ao traballo de Vázquez Castro descubrimos, por exemplo, no manuscrito unha das primeiras descricións do famoso botafumeiro da Catedral de Santiago.

A obra inclúe, á parte do texto íntegro do manuscrito e o estudo de Julio Vázquez Castro, corenta ilustracións. Entre elas, un debuxo moi descoñecido de Santiago de Compostela en 1966 realizado por un anónimo integrante do séquito do Conde de Sandwich que tamén visitou Galicia.

No acto de presentación participaron o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, o director de Alvarellos editora, Henrique Alvarellos, e máis o autor do libro.

No decurso do acto, o responsable do Xacobeo, afirmou que cómpre continuar investigando e afondando na historia das peregrinacións e o fenómeno xacobeo pois resulta imprescindible o coñecemento deste pasado para afirmar a identidade do Camiño de Santiago e a súa esencia como unha ruta de peregrinación que recolle unha secular herdanza e que combina estes valores da historia, do patrimonio e da espiritualidade como expresión da súa singularidade.

Esta publicación se integra no amplo abano de actividades que promove a Xunta de Galicia para a conmemoración do Oitavo Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, e que incide tamén na edición de diversas publicacións.

Arriba