09 mar 2015

Nava Castro destaca o labor de Turismo de Galicia a prol do desenvolvemento sustentable do Camiño de Santiago

Así mesmo, resaltou a importancia do sector turístico galego o cal representa preto do 11% do PIB da nosa comunidade.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que o Camiño de Santiago está en pleno auxe xa que, no que vai de ano, experimentou un incremento de peregrinos de máis do 45%.

A responsable de Turismo da Xunta referiuse a grandes proxectos destinados a impulsar o Camiño de Santiago dun xeito sostible como o Plan Director, o Smart Camiño, o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago ou a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos.

A directora de Turismo de Galicia durante a súa intevención en Xantar 2015.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou no Día do Turismo e o Camiño de Santiago no marco do XVI Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2015.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou o recoñecemento acadado por Xantar afirmando que é un punto de encontro ineludible para os expertos en enogastronomía.

Nava Castro resaltou a importancia do sector turístico galego do cal afirmou “constitúe un dos piares fundamentais da economía da nosa Comunidade Autónoma”. Tal e como sinalou a directora de Turismo, segundo os datos do último informe de Impactur, a actividade xerada polo turismo en Galicia ascende a máis de 6 mil millóns de euros, o que representa preto do 11% do PIB da nosa comunidade. “O turismo é a industria branca, unha das máis potentes de España e un dos sectores que conseguiu xerar emprego en Galicia”, afirmou Nava Castro, e engadiu “por todo isto, a Xunta de Galicia aposta firmemente por este sector”.

A directora de Turismo explicou que a gastronomía é un dos principais atractivos turísticos de Galicia. “A nosa materia prima conxugada co traballo realizado polos profesionais cociñeiros galegos converten a nosa boa mesa e os nosos afamados viños nun dos reclamos fundamentais que nos identifican a nivel internacional”, sinalou Nava Castro.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta referiuse ao Camiño de Santiago como “o produto turístico estrela en Galicia” e afirmou que “constitúe a nosa icona máis universal e carta de presentación no mundo sendo un potente elemento diferenciador”.

 

Pleno auxe no Camiño de Santiago
Nava Castro resaltou que o Camiño de Santiago está en pleno auxe. Mostra diso é que no pasado ano 2014, Santiago de Compostela recibiu a máis de 237 mil peregrinos, un aumento en relación ao ano 2013 de máis do 10%.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia este ano estas cifras van en aumento. No que vai de ano chegaron xa a Compostela preto de 3.000 peregrinos, o que supón un incremento de máis do 45% en relación á cifra de peregrinos rexistrada no mesmo período do 2014.

Así mesmo, Nava Castro destacou que a tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son máis numerosos que os nacionais. O pasado ano 2014 os peregrinos estranxeiros supuxeron un 52% do total de camiñantes que recolleron a Compostela na capital galega.

Potenciación sostible do Camiño de Santiago
A directora de Turismo de Galicia afirmou que, consciente dos desafíos de sostibilidade ambiental, sociocultural e económica que leva consigo o continuo aumento do número de peregrinos, Turismo de Galicia puxo en marcha o Plan Director do Camiño de Santiago. “Este Plan Director servirá para que o seu desenvolvemento e crecemento se realice de forma equilibrada, sostible e respectuosa co carácter do fenómeno xacobeo”, afirmou Nava Castro.

“Dende a Xunta de Galicia traballamos na potenciación do Camiño de Santiago desenvolvéndoo dun xeito sostible e atendendo a súa capacidade de carga”, afirmou a directora de Turismo de Galicia, e incidiu, “apostamos pola revitalización e dinamización da ruta, para non perder esa esencia que encandea ano tras ano a numerosos peregrinos e que supón o outorgamento de numerosas distincións e galardóns ao longo da historia pero respectando a súa conservación e preservando os seus recursos culturais e patrimoniais”.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta referiuse a outros grandes proxectos destinados a impulsar o Camiño de Santiago dun xeito sostible como a creación do proxecto Smart Camiño, a celebración dunha ampla programación para conmemorar o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago ou a creación dun Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos.

“Unha firme aposta por mellorar un dos fenómenos máis universais da civilización actual que une a culturas de todo o mundo nun único obxectivo e con miles de motivacións”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

Arriba