23 mar 2015

Nava Castro destacou a aposta de Turismo pola promoción e comercialización de Galicia como destino único

A directora destacou que o sector turístico constitúe un dos piares fundamentais da economía de Galicia xa que representa preto do 11% do PIB da nosa comunidade.

Así mesmo, Nava Castro sinalou que, grazas ao abano de oportunidades que converten a Galicia no destino perfecto para calquera época do ano, o pasado ano visitaron a nosa comunidade máis de 4 millóns de turistas.

Un ano máis Turexpo celebra a súa bolsa de contratación, unha das maiores do noroeste peninsular, na que a oferta turística de Galicia mostrou as súas propostas a touroperadores de 17 países con grande interese.

A directora de Turismo de Galicia, na inauguración de Turexpo.

A directora de Turismo de Galicia destacou durante a súa intervención na inauguración do certame Turexp, celebrado en Silleda entre os días 20 e 22 de marzo, que o sector turístico constitúe un dos piares fundamentais da economía de Galicia xa que, segundo afirmou, representa preto do 11% do PIB da nosa comunidade". Así mesmo, Nava Castro destacou que o pasado ano 2014 visitaron Galicia máis de 4 millóns de turistas.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que a nosa comunidade ofrece un abano de oportunidades que a converten no destino perfecto para calquera época do ano. Neste senso, referiuse ao Camiño de Santiago como o produto turístico estrela e a carta de presentación de Galicia no exterior, e a natureza e oferta de turismo rural que atesoura a nosa comunidade, unha das máis singulares de España.

Nava Castro afirmou que Galicia é tamén unha terra marcada pola auga e destacou os seus 1.700 quilómetros de costa e máis de 830 praias, que converten Galicia na comunidade líder en Bandeiras Azuis de España, así como a súa ampla e de calidade oferta termal.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia falou da afamada gastronomía galega que conta con máis de trinta produtos recoñecidos co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida, entre os que sobresaen os viños das 5 Denominacións de Orixe, 12 restaurantes con Estrellas Michelin, 26 restaurantes con 37 Soles Repsol e 59 restaurantes certificados coa Q de Calidade. “Todos eles son exemplo da excelencia da boa cociña galega”, afirmou.

Aposta pola promoción e comercialización de Galicia como destino único
Nava Castro destacou a firme aposta de Turismo de Galicia pola promoción que, segundo afirmou, "permite dar a coñecer en todo o mundo todos estes recursos que fan da nosa comunidade un destino diferencial e multiexperiencial".

A responsable de Turismo da Xunta explicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia centra unha das súas liñas estratéxicas na promoción e comercialización de Galicia como un destino único baseado nun modelo a demanda.

Neste senso, destacou diversas iniciativas que dende a Xunta de Galicia se levaron a cabo nos últimos meses para a captación de turismo internacional e a mellora do posicionamento do destino e a marca Galicia noutros países. Así, referiuse á consolidación de alianzas con entidades internacionais acreditadas no desenvolvemento de destinos turísticos, á participación proactiva en conferencias e foros internacionais para a promoción de turismo, á colaboración coas Oficinas Españolas de Turismo no exterior para a adaptación das campañas de promoción ás necesidades dos mercados emisores prioritarios e ás sinerxías con entidades autonómicas e nacionais que realicen misións comerciais no estranxeiro. Así mesmo, destacou que Turismo de Galicia ampliou para este ano 2015 o calendario de feiras turísticas destinadas á promoción global do destino Galicia, de maneira que este ano participará nun total de 31 certames sectoriais.

"Turexpo é unha iniciativa máis que se une a esta aposta pola promoción e a colaboración público-privada para mostrar a fortaleza do sector turístico galego e a oferta diferencial que ofrece Galicia como destino", concluíu Nava Castro.

Turexpo 2015
Turexpo consolidouse como unha efectiva plataforma de negocio, un escaparate de propostas inigualable e un espazo de coñecemento para o sector.

Esta quinta edición ofreceu un ano máis unha bolsa de contratación, unha das maiores do noroeste peninsular, na que a oferta turística de Galicia puido mostrar as súas propostas a touroperadores de 17 países con grande interese como emisores.

Ademais Turexpo 2015 contou cunha atractiva área de exposición de 5.500 m² na que cobrou especial protagonismo do Camiño de Santiago que envolveu ao visitante nun rechamante espazo coa presenza da maioría dos municipios situados no Camiño Francés e a Vía da Prata, que mostrarán a súa oferta e os múltiples atractivos destas dúas rutas. Ademais a esta recreación do Camiño uníronse outras interesantes propostas de Galicia e Portugal e tamén Festur, a II Feira de Festas de Interese Turístico, así como, un interesante programa de actividades.

Unha ventá ao mundo dende a que Galicia mostrou as súas potencialidades como destino turístico, moderno e aberto aos novos mercados emerxentes.

Arriba