07 abr 2015

Galicia incrementou nos dous primeiros meses do ano a súa cifra de viaxeiros nun 8,8% superando a cifra dos 306.000

O número de viaxeiros internacionais creceu neste primeiro bimestre un 20,4% acadando o mellor dato de viaxeiros dos últimos anos con case 43.000.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas, no segmento hoteleiro o crecemento situouse no 1,6% e no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 28,9%.

No pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros do 6%, ata situarse nun total de 163.775, e do 3,2% das súas pernoitas, contabilizando máis de 296.000.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE)  no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros do 6%, ata situarse nun total de 163.775. Así mesmo, as nosa comunidade incrementou tamén neste segundo mes as súas pernoitas nun 3,2%, contabilizando un total de 296.223.

A nivel estatal melloraron os niveis de demanda regrada nunha porcentaxe similar á rexistrada na nosa comunidade, aumentando un 5,9% os viaxeiros e un 3,4% as pernoitas. Galicia sitúase así no ránking de viaxeiros nunha posición intermedia.

En canto aos segmentos de mercado, tanto o mercado nacional como o internacional mantiveron unha tendencia positiva no mes de febreiro. O mercado nacional incrementouse nun 4,3% no que atinxe aos viaxeiros e nun 2,4% no tocante as pernoitas. Pola súa parte, o mercado internacional creceu nun 7,9% no tocante ás pernoitas mentres que os viaxeiros subiron un 18,6%. O número de viaxeiros internacionais neste mes -22.029- supón a cifra máis alta nun mes de febreiro dende os últimos anos. Deste xeito, o mercado internacional elevou o seu peso sobre o conxunto da demanda en 0,65 puntos ata situarse no 14,9%.

Tipoloxías de establecementos
No pasado mes de febreiro, o 93,5% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis, que representaron o 77,2%, como ás pensións, co 16,3% neste caso.

O 6,5% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos, que representaron o 3,5% da demanda total, aos cámpings, co 0,1%, e aos establecementos de turismo rural, que supuxeron o 2,8% neste caso.

A mellora dos niveis de demanda turística neste mes de febreiro produciuse tanto nos establecementos hoteleiros como nos extrahoteleiros. No segmento hoteleiro o incremento situouse no 1,4% mentres que no extrahoteleiro a mellora foi do 38,2% – porcentaxe que situouse no 53,2% no caso dos apartamentos turísticos, no 24% nos cámpings e no 33,2% no caso dos establecementos rurais. Destaca así o incremento rexistrado nos apartamentos turísticos que presentaron neste segundo mes do ano o mellor comportamento en termos relativos do conxunto da oferta regrada.

En canto ás cifras de viaxeiros tiveron un comportamento similar, subindo en todas as modalidades de aloxamento –un 4,6% nos establecementos hoteleiros e un 36,1% nos extrahoteleiros-.

En termos de ocupación rexistráronse neste segundo mes do ano incrementos xeneralizados que varían entre o medio punto e os tres puntos porcentuais. Os apartamentos turísticos presentaron tamén en termos de ocupación a evolución máis positiva, cunha suba de case tres puntos porcentuais.

Primeiros dous meses deste ano
Nos primeiros dous meses deste ano, Galicia acadou a cifra de 306.090 viaxeiros, o que supón un incremento do 8,8% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, nun 2,9% neste caso, acadando a nosa comunidade as 558.111 noites.

A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 6,8% mentres que as pernoitas incrementáronse un 3,2%. Galicia sitúase así na quinta posición en termos de viaxeiros solo por detrás das comunidades de Asturias, Andalucía, Castela A Mancha e Madrid.

Tanto o mercado nacional como o internacional mantiveron unha tendencia positiva, subindo o turismo nacional, un 1,6% no tocante as pernoitas e un 7,2% no que atinxe aos viaxeiros. O turismo internacional incrementou un 10,5% as súas pernoitas e un 20,4% os seus viaxeiros. O mercado internacional acadou grazas a esta mellora o mellor dato de viaxeiros dos últimos anos con case 43 mil viaxeiros.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 1,6% e no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 28,9%, rexistrándose en todas as tipoloxías de extrahoteleiro incrementos notables, entre o 25% e o 32%.

En termos de ocupación observouse unha mellora xeneralizada de entre medio punto e dous puntos porcentuais. Os apartamentos turísticos presentaron a evolución máis positiva, cunha suba de preto de dous puntos porcentuais.

Arriba