12 abr 2015

O turismo de Galicia promoveuse en Portugal dentro da feira Mundo Abreu

Este certame organizado en Lisboa polo principal operador turístico de Portugal no que participaron os axentes da compañía e varios destinos turísticos convidados tivo máis de 130.000 visitantes.

O mercado portugués representou en 2014 o 16,5% do total da demanda turística internacional de Galicia consolidándose como o primeiro mercado estranxeiro da nosa comunidade.

Turismo de Galicia tamén promoverá neste mes a oferta turística da comunidade no Salón B-Travel de Cataluña, a feira relixiosa Koiné de Italia e a World Travel Market Latin América de Brasil.

A oferta turística galega presentouse a pasada fin de semana en Portugal, dentro da feira Mundo Abreu, un certame turístico organizado en Lisboa polo operador Viaxes Abreu no que participaron os axentes da compañía e varios destinos turísticos convidados, entre eles Galicia.

Viaxes Abreu é o principal operador turístico de Portugal e cada ano organiza esta feira para presentar as novidades da propia compañía no ámbito das viaxes turísticas e algúns destinos turísticos teñen a posibilidade de presentar a súa oferta ao público que asiste a este certame.

Este ano asistiron máis de 130.000 persoas, moitas das cales mercaron as súas vacacións atraídas polas ofertas e descontos que se ofrecen no certame.

Galicia estivo presente cun recinto aberto ao público a través do que se difundiu a oferta turística galega en xeral facendo fincapé nas posibilidades turísticas de Galicia para este verán.

No pasado ano 2014 rexistráronse 164.576 viaxeiros portugueses aloxados nos establecementos regrados de Galicia, cifra que superou nun 6,6% o dato do anterior ano 2013.

O mercado portugués representou en 2014 o 16,5% do total da demanda turística internacional de Galicia consolidándose como o primeiro mercado estranxeiro da nosa comunidade.

Salón B-Travel de Cataluña
Ao longo deste mes de abril Turismo de Galicia participará tamén na I edición do Salón B-Travel de Cataluña, herdeiro do Salón Internacional de Turismo de Cataluña (SITC) que se celebrou durante 23 anos no recinto da Fira de Barcelona.

Turismo de Galicia estará presente cun recinto de deseño de 112 metros cadrados, difusor da oferta turística xeral da comunidade galega.

O Salón B Travel é unha das plataformas turísticas máis importantes da oferta e os servizos turísticos no ámbito nacional e un importante reforzo para a promoción do turismo galego en Cataluña por ser un dos principais mercados para Galicia dentro de España.

Promoción en Italia e Brasil
Por outra parte, Turismo de Galicia tamén estará presente na feira Koiné, que se celebrará en Vicenza (Italia) durante a segunda quincena de abril.

Trátase dunha das maiores feiras relixiosas de Europa. De carácter bianual, este certame aberto a profesionais e público xeral celebra este ano a súa 16ª edición.

Neste caso Turismo de Galicia presentará en Italia os recursos e produtos relacionados co Camiño de Santiago.

Por último, este mes de abril, o turismo galego estará presente en Brasil na feira World Travel Latin América. Esta será a primeira vez que Turismo de Galicia participe neste certame profesional que celebra este ano a súa 3ª edición, dentro do marco do encontro anual da Asociación Brasileira de Operadoras de Turismo – Braztoa-.

Arriba