20 abr 2015

Preto de 70 operadores turísticos franceses participaron en París na presentación do produto ‘Camiño, viños e camelias’

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e a directora da Oficina de Turismo de España en París, Elena Valdés, presidiron este acto no que se deu a coñecer ao sector turístico francés esta iniciativa que combina tres grandes recursos turísticos consolidados xa na nosa comunidade: o Camiño de Santiago, a Ruta da Camelia e a Ruta dos Viños Rías Baixas
A vinoteca Lavinia da capital francesa acolle unha campaña de promoción desta nova experiencia turística ata o día 2 de maio na que poderá participar tamén o público xeral.

No pasado ano 2014 rexistráronse en Galicia un total de 112.424 viaxeiros franceses aloxados nos establecementos regrados da comunidade, cifra que superou nun 20,9% o dato do anterior ano 2013.

No ámbito do Camiño de Santiago, e segundo as cifras aportadas pola Oficina do Peregrino, no pasado ano 2014 rexistráronse 9.345 peregrinos franceses, cifra que supón máximo histórico deste mercado e supera nun 12,5% o dato de 2013.

Operadores turísticos franceses asistentes á promoción de Galicia.

Preto de 70 operadores turísticos franceses déronse cita na presentación do novo produto turístico de Galicia ‘Camiño, viños e camelias’, organizada por Turismo de Galicia dentro da campaña de promoción que se desenvolve ata o vindeiro día 2 de maio no establecemento especializado na comercialización de viños Lavinia París.

O acto estivo presidido pola directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, que estivo acompañada pola directora da Oficina de Turismo de España en París, Elena Valdés, e outros cargos institucionais da Embaixada de España en París, como foron os conselleiros de Prensa, Carlos Gallego, e de Agricultura, Alberto López.

En total, nesta presentación participaron un cento de profesionais do turismo e as relacións públicas de Francia, entre os que salientaron o presidente da Asociación de compañías aéreas francesas e o vicepresidente da Asociación de axencias de viaxes do país veciño.

Polo que respecta ás empresas francesas comercializadoras de produtos turísticos, no acto organizado onte por Turismo de Galicia no establecemento Lavinia París, participaron operadores xeneralistas e compañías especializadas na venda de viaxes relacionados coa cultura e a natureza.

Novo xeito de coñecer Galicia
Na súa intervención, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, salientou que este é “un novo xeito de coñecer a comunidade galega, xa que permite combinar a maxia do Camiño de Santiago coas visita aos xardíns da Ruta da camelia, á vez que se pode gozar doutro dos grandes tesouros de Galicia: os viños da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas”.

Carmen Pita explicou tamén as posibilidades que ofrece este produto turístico, no que se combina natureza, cultura e enogastronomía.

Así, manifestou que ‘Camiño, viños e camelias’ posibilita diversos percorridos nos que gozar de numerosas variedades de flores nos mellores xardíns da comunidade galega, “nunha contorna arquitectónica única, como é a dos pazos galegos”.

Pola súa parte, a directora da Oficina de Turismo de España en París fixo un breve repaso polos principais recursos turísticos de Galicia, cunha especial mención ao Camiño de Santiago.

Elena Valdés tamén convidou aos operadores turísticos franceses a comercializar novos produtos relacionados con Galicia, e puxo como exemplo ‘Camiño, viños e camelias’.

Mercado francés
Polo que respecta ao mercado francés, o pasado ano 2014 rexistráronse en Galicia un total de 112.424 viaxeiros franceses aloxados nos establecementos regrados da comunidade, cifra que superou nun 20,9% o dato do anterior ano 2013.

Esta mellora tamén se observou no volume de pernoitas, que se incrementaron en 2014 nun 16% rexistrando este mercado un total de 186.038.

En termos de volume global Francia sitúase como o terceiro mercado internacional máis importante de Galicia por detrás de Portugal e Alemaña representando algo máis do 10% do total internacional en 2014.

No ámbito do Camiño de Santiago, e segundo as cifras aportadas pola Oficina do Peregrino, no pasado ano 2014 rexistráronse 9.345 peregrinos franceses, cifra que supón máximo histórico deste mercado e supera nun 12,5% o dato de 2013.

Campaña de promoción
A experiencia turística “Camiño, Viños e Camelias”, foi creada a carón do Camiño de Santiago, a Ruta da Camelia e as adegas que forman parte da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas e desde o pasado día 10 de abril e ata o día 2 de maio estase promocionando a través dunha campaña de difusión no establecemento especializado Lavinia, unha prestixiosa cadea de vinotecas con tenda en París, como sede e plataforma de lanzamento deste novo producto turístico en Francia.

Durante os días nos que se desenvolve esta acción de promoción, o establecemento especializado na venda de viños loce unha decoración que trasladará a todos os visitantes a unha contorna típica de xardín de pazo galego e conta tamén con elementos relacionados co Camiño de Santiago. Ademais, durante estes días, os viños galegos da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas terán unha promoción especial.

 

Arriba