Os máis importantes operadores turísticos colombianos visitarán Galicia para realizar unha viaxe de familiarización
A directora de Turismo de Galicia realizou na capital colombiana unha presentación dirixida aos axentes e operadores turísticos máis importantes do país que mostraron grande interese pola comunidade galega como destino.
A oferta diferencial de Galicia así como o Camiño de Santiago protagonizaron a exposición realizada por Nava Castro.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou as posibilidades que ofrece a nosa comunidade, destacando que é un destino de contrastes cunha morea de opcións entre as que resaltou a cultura, a natureza, o termalismo, a gastronomía e a enoloxía, entre outros recursos.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, realizou na capital colombiana unha presentación dirixida aos axentes e operadores turísticos máis importantes do país.
A oferta diferencial do destino Galicia así como o Camiño de Santiago protagonizaron a exposición realizada por Nava Castro.
Así, a directora de Turismo de Galicia resaltou as posibilidades que ofrece Galicia, destacando que é un destino de contrastes cunha morea de opcións entre as que resaltou a cultura, a natureza, o termalismo, a gastronomía e a enoloxía, entre outros recursos.
Nava Castro recalcou que a nosa comunidade é a meta do Camiño de Santiago, “unha experiencia inesquecible onde gozar da natureza, a historia e a convivencia con outras culturas”, e que conta dende 1987 coa declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo e dende 1993 coa de Patrimonio da Humanidade.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou que no pasado ano finalizaron o Camiño de Santiago máis de 237 mil peregrinos dos cales máis do 52% deles foron estranxeiros, “o que demostra que a Ruta Xacobea se converteu no noso principal elemento captador de turismo internacional”, afirmou.
Nava Castro fixo fincapé tamén nos outros tres Patrimonios da Humanidade de Galicia: a muralla de Lugo, a Torre de Hércules e mais a cidade de Santiago de Compostela.
A natureza, como primeiro reclamo para os viaxeiros que visitan Galicia, tamén ocupou un lugar destacado na presentación da directora de Turismo, quen incidiu nas potencialidades do destino para a práctica do turismo activo, o sendeirismo, a náutica, o golf, o surf, etc. De igual, modo, o turismo termal e os recursos da nosa comunidade neste eido centraron boa parte da exposición, así como os recursos patrimoniais, culturais, a etnografía e a artesanía.
Ao tempo, incidiu nas potencialidades do noso destino no relacionado co turismo enogastronómico, destacando a calidade das materias primas e dos servizos que conforman a oferta de restauración da comunidade así como a posibilidade de descubrir o noso territorio a través do enoturismo e das nosas cinco Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas.
Para finalizar, a responsable de Turismo da Xunta presentou os recursos turísticos que atesouran cada unha das sete principais cidades de Galicia: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo.
Viaxe de familiarización
Os operadores turísticos colombianos asistentes á presentación mostraron grande interese por Galicia como destino turístico.
Neste senso, os representantes dos operadores turísticos máis importantes do país trasladáronlle o seu interese á directora de Turismo de Galicia por participar nunha viaxe de familiarización á comunidade galega para coñecer de primeira man os seus numerosos recursos turísticos. Así, a responsable de Turismo da Xunta comprometeuse á organizar a dita viaxe.