Cen establecementos das cinco Rutas dos Viños de Galicia celebran os próximos fins de semana as IV Xornadas de Portas Abertas
Turismo de Galicia organiza un ano máis este evento que contará con múltiples actividades arredor do mundo do viño e a gastronomía.
Esta nova edición celebrouse a pasas fin de semana en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras e os días 6 e 7 de xuño nas denominacións de orixe protexidas das Rías Baixas e o Ribeiro.
Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou que Galicia é a única comunidade autónoma que ofrece unha promoción conxunta dos seus cinco territorios vinícolas.
Nava Castro salientou que o turismo enolóxico estase a converter na Comunidade galega nun dos nosos principais reclamos turísticos.
Cen establecementos vinculados á elaboración e comercialización do viño e a hostalaría en Galicia participarán nas IV Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, un evento promovido por Turismo de Galicia que se celebra por cuarto ano consecutivo nas cinco denominacións de orixe protexidas dos viños de Galicia.
Esta nova edición foi presentada en Santiago de Compostela nun acto que contou coa participación da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.
Durante a presentación destas xornadas, que se se celebraron a pasada fin de semana en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras e os días 6 e 7 de xuño nas denominacións de orixe protexidas das Rías Baixas e o Ribeiro, Nava Castro referiuse á importancia do turismo enolóxico e a súa vinculación coa gastronomía, co patrimonio, coa cultura e coa tradición que rodea o mundo do viño. “Todo este conxunto consegue que o feito de probar novos viños e visitar os territorios nos que se producen estea a converterse nunha tipoloxía turística con gran potencial e un auxe significativo”, afirmou.
Para a directora de Turismo de Galicia o turismo enolóxico estase a converter na Comunidade galega “nun dos nosos principais reclamos, xa que outorga unha experiencia orixinal ao englobar unha infinidade de posibilidades para todos os gustos e preferencias”
Nava Castro afirmou que o feito de que os visitantes poidan acceder de xeito guiado e gratuíto ás adegas participantes “contribuirá á difusión da alta calidade e singularidade dos nosos viños, pero tamén á posta en valor das paisaxes e dos recursos patrimoniais, da etnografía, da artesanía dos territorios e das súas singularidades gastronómicas”.
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou o traballo cotián de todas e cada unha das cinco denominacións de orixe por teren consolidado o prestixio e a calidade dos viños galegos. Un prestixio que se reflexa nos números, pois o ano pasado producíronse en Galicia máis de 35 millóns de litros cun valor económico estimado superior aos 152 millóns de euros.
Rosa Quintana insistiu en que os viticultores galegos entenderon que é moito máis interesante producir ben que moito, facéndose un oco a nivel internacional e consagrando a súa excelencia grazas a que nos últimos anos o conxunto das denominacións incrementou as exportacións nun 43%. A conselleira animou a todas aquelas persoas, consumidores actuais e potencias, a gozar destas xornadas porque “só se valora aquilo que se coñece”, engadiu.
Plan Integral de Turismo
Pola súa parte, Nava Castro referiuse na súa intervención ao Plan Integral de Turismo de Galicia a través do cal, segundo explicou, trabállase no fortalecemento e dinamizacións das adegas e viticultores das rutas dos viños de Galicia. “Na estratexia de centrar a oferta turística de Galicia no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos, se procura a activación e a dinamización turística dos territorios vinícolas”, sinalou.
Dentro das iniciativas desenvolvidas para a dinamización e posta en valor dos territorios dos viños, Nava Castro destacou o propio desenvolvemento turístico das Rutas dos Viños de Galicia, o Tren turístico das Rutas dos Viños de Galicia, a aplicación informática Enoturismo de Galicia ou estas mesmas Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia.
Ademais, a titular de Turismo de Galicia lembrou que desde o organismo público que dirixe, xunto á creación de produtos tamén se aposta pola calidade no sector enoturístico. “Así somos a primeira comunidade en certificacións de calidade no sector do turismo industrial por encima de territorios cunha gran tradición vitivinícola como son a Rioxa ou Castela e León”, resaltou.
Programa de actividades
Durante a presentación das IV Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, a directora de Turismo de Galicia fixo un repaso polos aspectos máis importantes deste evento, salientando que nesta edición participan un total de 100 establecementos, dos cales 66 son adegas, 14 restaurantes e 20 aloxamentos de distintas categorías.
Así mesmo, Nava Castro destacou que en cada ruta os visitantes poderán atopar un programa especial de actividades relacionadas co mundo do viño, entre as que se atopan catas, visitas a museos do viño, rutas monumentais ou paseos en barca así como o servizo ‘Viñobús’, “para poder achegarse comodamente e sen problema nin preocupación ás distintas adegas”.
“Deste xeito, todos aqueles que decidan coñecer as rutas dos viños de Galicia nestas xornadas poderán gozar dun programa completo de actividades de enoturismo”, afirmou a directora de Turismo de Galicia .