08 xuñ 2015

Finaliza con gran éxito de participación o I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño

Máis de 350 peregrinos e expertos nas diferentes vías xacobeas de 28 países participaron nesta cita, que converteu Santiago no epicentro internacional das peregrinacións.

A directora de Turismo de Galicia foi a encargada de clausurar o encontro e analizar as principais conclusións acadadas durante estes tres días.

A directora de Turismo de Galicia valorou moi positivamente as xornadas, nas que se puxeron en contacto organizacións dos cinco continentes.

Nava Castro, na clausura do I Encontro mundial en Galicia de asociacións de amigos do Camiño de Santiago.

O I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño chegou á súa fin. Máis de trescentas cincuenta persoas de vinte e oito países participaron nesta cita promovida por Turismo de Galicia.

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, foi a encargada de clausurar este encontro que posibilitou o contacto e debate entre expertos das diferentes vías xacobeas e peregrinos dos cinco continentes.

A directora de Turismo de Galicia destacou que este encontro tivo lugar nun ano clave para Galicia e, en especial, para o fenómeno Xacobeo, xa que Galicia celebra o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, “unha das máis célebres peregrinacións a Santiago na Idade Media”.

Nava Castro afirmou que este encontro internacional supuxo un foro de debate pero sobre todo constituíu unha mostra de agradecemento a todas aquelas asociacións que co seu intenso traballo impulsan día a día o Camiño de Santiago.

A directora de Turismo de Galicia valorou moi positivamente as xornadas xa que “acolleron na capital de Galicia máis de 300 amantes do Camiño de Santiago que achegaron diferentes ópticas provenientes de máis de 28 países repartidos por todo o mundo”.

Así mesmo, Nava Castro resaltou o traballo incansable das Asociacións que segundo afirmou “xoga un papel fundamental na revalorización e recuperación do Camiño realizado e na súa difusión tanto a nivel nacional como internacional”.

“Anímoos a continuar esta gran labor de difusión, promoción e impulso do Camiño porque cada un de vostedes conforma un pilar básico da peregrinación a Santiago de Compostela”, concluíu Nava Castro.

Sesión técnicas
Na última xornada do evento, Mª Ángeles Fernández Fernández, presidenta da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, foi a encargada de moderar a sesión "Relacións das Asociacións do Camiño coas institucións e a sociedade". Na mesa interviñeron Juan Guerrero Gil, presidente da Asociación Xacobea de Málaga, Begoña Valdomar Insua, presidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (A.G.A.C.S), Tomoko Morioka, presidenta da Asociación de Amigos do Camiño en Xapón, e Katharina Maak, tesoureira de Jakobusgesellschaft Brandenburg-Oderregion e. V de Alemaña.

O segundo bloque de debate, sobre "As Asociacións Xacobeas: retos do presente e orientacións de futuro", foi presidido por Cheryl Grasmoen, presidente de American Pilgrims on the Camino, asociación que conta con 34 delegacións nos Estados Unidos, país que achega o maior número de peregrinos fóra de Europa.

Amosaron a súa visión e propostas nesta ocasión Ana Paula Wanke, presidenta de Associaçao Paranaense de Amigos do Caminho de Santiago- Curitigrinos en Brasil, Andree Lombard, Presidente de CSJ of SA: Confraternity of Saint James of South Africa en Sudáfrica, Janet Leitch, presidenta de Australian Friends of the Camiño en Australia, Juan Carlos Pérez, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Astorga e a súa Bisbarra, e Jaime Oller Figueras, presidente da Associació D'amics Do Camí De Sant Jaume de Girona.

Como broche de ouro ao encontro, os asistentes percorreron a pé o último tramo do Camiño de Santiago, para máis tarde participar nun acto de homenaxe no antigo cemiterio de peregrinos e asistir a unha misa na Catedral na que puideron gozar do espectáculo dos "tiraboleiros" facendo voar o Botafumeiro.

Para rematar o día e como última actividade da cita, os peregrinos e os representantes das Asociacións asistiron a unha cea temática sobre o Camiño de Santiago no Hostal Reis Católicos.

Arriba