Feijóo chama a seguir profundando na clave do desenvolvemento turístico de Galicia: a calidade e a diversificación
Subliña que Galicia é a segunda comunidade con máis distintivos Q: “Son xa 268 as empresas que contan coa prestixiosa Q de Calidade, o que nos converte en líderes na calidade do sector dos hoteis e apartamentos turísticos certificados”, di.
Resalta que Galicia, un ano máis, volve ser a comunidade con máis bandeiras azuis: 131, oito máis que en 2014.
Destaca o labor que están a facer nos últimos anos a Axencia de Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo, “centrados en converter a nosa terra nun destino diversificado, polo que se poidan sentir atraídas persoas con gustos, inquietudes e demandas moi diversas”.
Incide en que a hospitalidade, a busca da mellor calidade e a diversificación están a facer que o turismo galego bata récords como proba que no pasado mes de abril preto de 300.000 persoas viñesen a Galicia e que as pernoitas subisen un 7,1% ata acadar máis de medio millón.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou por seguir profundando na clave do desenvolvemento turístico de Galicia: a Calidade e a diversificación, “algo —dixo— que temos feito a nosa bandeira”.
Durante o acto de recoñecemento coa Q de Calidade Turística 2014, o titular da Xunta subliñou que Galicia é a segunda comunidade con máis distintivos Q: “Son xa 268 as empresas que contan coa prestixiosa Q de Calidade, o que nos converte en líderes na calidade do sector dos hoteis e apartamentos turísticos certificados. E, por primeira vez, líderes na calidade do sector dos campos de golf. Mantemos o noso liderado en eidos estratéxicos coma o turismo náutico, o turismo activo e o lecer nocturno, entre moitos outros”, aseverou, referíndose tamén as praias.
Sobre este último punto, Feijóo lembrou que Galicia, un ano máis, volve ser a comunidade con máis bandeiras azuis: 131 bandeiras, 8 máis que no ano 2014. E aseverou que todas estas cifras fixeron posible que A Coruña acolla este ano o III Congreso internacional de Calidade Turística, “o que supón un recoñecemento a todo o traballo feito e un novo pulo para seguir avanzando na procura da máxima calidade”.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico destacou tamén o labor que están a facer nos últimos anos a Axencia de Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo, “centrados en converter a nosa terra nun destino diversificado, polo que se poidan sentir atraídas persoas con gustos, inquietudes e demandas moi diversas”.
Nesta liña, subliñou que a Comunidade galega destaca por un contorno rural “no que se pode vir a atopar acougo”; “estamos tamén comezando a aproveitar o potencial do turismo industrial e hoxe, sen saír de Ferrolterra, o visitante pode vivir en primeira persoa a actividade dun estaleiro de tecnoloxía punteira, coñecer máis de cerca as industrias conserveiras ou entrar nos muíños onde nacía o pan de Neda; queremos compartir co mundo o enorme potencial termal da provincia de Ourense e tampouco desaproveitamos a riqueza dos viñedos e das bodegas”.
Feijóo concluíu aseverando que a hospitalidade, a busca da mellor calidade e a diversificación están a facer que o turismo galego bata récords como proba que no pasado mes de abril: preto de 300.000 persoas viñesen a Galicia e que as pernoitas subisen un 7,1% ata acadar máis de medio millón.
Logo de precisar que ambos os dous datos supoñen a cifra máis elevada dos últimos cinco anos, o presidente da Xunta salientou que Galicia rexistrou tamén o seu máximo histórico de visitantes internacionais.
“En definitiva, Galicia é, xunto con Asturias e A Rioxa, a comunidade autónoma que máis está crecendo en número de viaxeiros. E queremos profundar nese camiño. O sector turístico en Galicia ten presente, pero tamén ten moito futuro”, dixo.
O presidente da Xunta finalizou facendo fincapé en que estas cifras acreditan “que as cousas se están facendo cada vez con máis profesionalidade, sabendo que a calidade é a clave e a que nos diferencia do turismo de masas. Se ben, —recoñeceu— aínda queda moito traxecto por percorrer”.