08 xuñ 2015

A Semana Gastronómica de Galicia en Madrid promoverá unha das principais fortalezas da nosa comunidade

A directora de Turismo de Galicia inaugurou este evento que levará á capital aos cociñeiros gañadores dos certames de De Tapas por Galicia.

Nava Castro destacou a importancia da posta en marcha de iniciativas que promovan e difundan a gastronomía galega para conservar a súa tradición culinaria, poñela en valor, e consolidala internacionalmente.

A directora de Turismo de Galicia resaltou tamén a importancia que ten Madrid para a nosa comunidade ao ser o principal mercado emisor de turistas para Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o evento De tapas por Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a Semana Gastronómica de Galicia en Madrid, nun acto que tivo lugar no espazo gastronómico Platea.

Durante esta Semana Gastronómica de Galicia este espazo gastronómico madrileño acollerá aos cociñeiros gañadores dos certames que aglutinou o programa De Tapas por Galicia, celebrados o pasado ano nas sete cidades principais de Galicia.

Cada un deles elaborará a súa tapa gañadora para que os madrileños e visitantes poidan degustalas e gozar da súa exquisita materia prima e elaboración.

Ademais no espazo adxacente á entrada de Platea, Turismo de Galicia instalou un posto informativo que ofrecerá información sobre Galicia, principalmente no ámbito dá gastronomía e o turismo urbano.

Durante a inauguración a directora de Turismo de Galicia asegurou que este evento outorgará a posibilidade de proxectar unha das principais fortalezas de Galicia.

A responsable de Turismo da Xunta de Galicia destacou que a comunidade galega conta con máis de 5.300 restaurantes que poñen a disposición máis de 365.000 prazas nas que degustar os exquisitos pratos galegos. Ademais, Nava Castro resaltou que 12 destes restaurantes contan con Estrella Michelin, 26 deles suman un total de 37 Soles Repsol e 59 coa certificación da Q de Calidade. "Todos eles son exemplo da excelencia da boa cociña galega", sinalou.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia resaltou que a gastronomía se converteu na segunda motivación, despois da natureza, pola que os turistas escolle Galicia como destino nos seus días de lecer. "É un recurso fundamental para o destino Galicia e unha parte moi relevante na oferta diferencial do destino, xa que complementa a experiencia turística dos viaxeiros e mesmo constitúe o motivo fundamental da viaxe de boa parte dos turistas que recibe Galicia", explicou.

Promoción e difusión da gastronomía galega
A responsable de Turismo de Galicia afirmou que é fundamental a posta en marcha de iniciativas que promovan e difundan a gastronomía galega para conservar así a súa tradición culinaria, poñela en valor, e consolidala internacionalmente.

Neste senso, Nava Castro explicou que dende Turismo de Galicia se poñen en marcha numerosas iniciativas orientadas a potenciar a imaxe de Galicia como destino enogastronómico. "As Rutas dos Viños de Galicia que promoven o turismo nas zonas de produción das 5 Denominacións de Orixe vitivinícolas galegas, o Outono Gastronómico que combina o turismo rural coa gastronomía, o Fórum Gastronómico ou De Tapas por Galicia son só algúns exemplos", incidiu.

Importancia do mercado madrileño para Galicia
A directora de Turismo incidiu tamén en que a Comunidade de Madrid é o principal mercado emisor de turistas para Galicia.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, no pasado ano rexistráronse nos establecementos hoteleiros galegos 460.153 viaxeiros procedentes da capital española e máis dun millón de pernoitas.

Madrid supuxo, así, o 15,4% do total de viaxeiros españois e o 15,9% das pernoitas nacionais da comunidade galega.

Ademais, un total de 22.090 peregrinos madrileños recolleron a Compostela na Oficina do Peregrino o ano pasado, ocupando Madrid o número un no ránking de comunidades autónomas.

Arriba