15 xuñ 2015

Unha delegación do Goberno filipino visita Galicia para coñecer a experiencia turística da Comunidade galega

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentoulles a oferta turística, as políticas de promoción e fomento e a estrutura de Turismo de Galicia.

Esta misión estivo encabezada pola subsecretaria de Turismo de Filipinas, acompañada de dúas directoras rexionais, a encargada de relacións empresariais e o alcalde da cidade de Legazpi.

Visitaron tamén o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e a sede do Xacobeo. Ademai, tiveron a oportunidade de coñecer a normativa turística galega e o sistema de calidade.

A delegación de turismo do Goberno filipino, na sede de Turismo de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu unha delegación do Goberno de Filipinas que visitou Galicia para coñecer a experiencia turística da Comunidade galega.

Nesta xuntanza, Nava Castro, fixo un repaso pola oferta, salientado as posibilidades que ofrece o territorio galego como multidestino turístico. A directora de Turismo de Galicia explicou os principais produtos do turismo galego e tamén se referiu ás distintas zonas do territorio que conforman a marca Galicia.

Nava Castro, que estivo acompañada nesta reunión pola directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, explicoulles tamén as principais liñas de promoción que desenvolve o departamento que dirixe, engadindo datos sobre as políticas de fomento ao sector e a estrutura deste en Galicia, así como da propia organización Turismo de Galicia.

Visita ao CSHG e á sede do Xacobeo
Logo desta reunión con Nava Castro, a misión filipina, encabezada pola subsecretaria de Turismo de Filipinas, María Victoria Jasmin, que estivo acompañada polas directoras rexionais María Ong-Ravanilla e Nelly Dillera, ademais do alcalde da cidade de Legazpi, Noel Rosal, puido coñecer o funcionamento do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG).

Na visita a este centro docente dependente de Turismo de Galicia estiveron acompañados pola súa directora, Patricia Cuevas, quen lles explicou o funcionamento da institución tanto no eido de aloxamento como de cociña.

Máis tarde, os representantes do Goberno filipino trasladáronse á sede da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, onde foron recibidos polo seu xerente, Rafael Sánchez Bargiela.

Sánchez Bargiela faloulles do Camiño de Santiago, as súas rutas e todo o que supón o fenómeno xacobeo, tanto en Galicia como no resto do mundo.

Ademais, referiuse ás tarefas de conservación e promoción da Ruta, facendo especial fincapé nos Anos santos.

Nesta reunión, o xerente do Xacobeo tamén lles explicou o funcionamento da rede de albergues do Camiño de Santiago, así como o papel da Administración autonómica na recepción e atención aos peregrinos.

Normativa e calidade turística
Esta delegación da Administración turística do Goberno filipino achegouse ata a sede de Turismo de Galicia para se entrevistar co director de Competitividade, José Luis Maestro, quen lles informou sobre a lexislación en materia turística de Galicia, así como das relacións coas empresas turísticas para o fomento e a innovación deste sector na Comunidade galega.

Ademais, puideron coñecer o Sistema de Calidade Turística de España e a súa aplicación en Galicia a través da marca Q.

Por último, este grupo de representantes do Goberno filipino tiveron a oportunidade de coñecer a política de apoio empresarial e proxectos emprendedores a través dunha visita ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Arriba