Os trens turísticos da Ruta dos faros e a Ruta dos viños da Ribeira Sacra inauguran a tempada dos trens turísticos de Galicia
Incluídos no programa ‘Galicia a todo tren’, partirán de Ferrol ata Ribadeo e de Ourense ata Os Peares.
O tren da Ruta dos Faros levou aos seus pasaxeiros a emprazamentos tan singulares como o Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o santuario de Santo André de Teixido, o cabo Estaca de Bares, o pobo mariñeiro O Barqueiro, Ribadeo, a Illa Pancha, ou a praia das Catedrais.
O tren da Ribeira Sacra inclúe a visita a unha adega, ao Centro de Interpretación do Viño, ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, un cruceiro en catamarán polo encoro, e unha escala nos Peares.
Por terceiro ano, Turismo de Galicia, coa colaboración de Renfe e a Deputación de Ourense, ofrece ao longo do verán este servizo de trens turísticos con sete rutas temáticas.
‘Galicia, a todo tren’, o programa de trens turísticos que Turismo de Galicia pon en marcha un ano máis, iniciou a súa andaina a pasada fin de semana na Ruta dos Faros e na Ruta do Viño da Ribeira Sacra.
Deste xeito, os viaxeiros do tren da Ruta dos Faros partiron ás 9:10h dende a estación de Ferrol e chegaron a esta mesma estación ás 22:57 h, despois de pasar unha xornada recorrendo os faros máis senlleiros do norte de Galicia.
Así, o tren da Ruta dos Faros levou aos seus pasaxeiros a emprazamentos tan singulares como o Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, sobre un dos cantís máis altos de Europa; o santuario de Santo André de Teixido, o cabo Estaca de Bares, o pobo mariñeiro de O Barqueiro, Ribadeo, a Illa Pancha, ou a praia das Catedrais.
Por outra parte, o domingo 14 de xuño, partiu por primeira vez neste ano, o tren da Ribeira Sacra.
Este tren das Rutas dos Viños de Galicia partiu ás 9.40 horas da estación de Ourense e os viaxeiros chegaron a esta mesma estación ás 20.58 horas, logo de pasar unha xornada nos territorios da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra.
Así, percorreua zona da Ribeira Sacra no tren motorizado Aba Sacra e visitaron a adega Regina Viarum da D.O.P. Ribeira Sacra.
Máis tarde, viaxaron en autobús ata Monforte de Lemos, onde visitaron o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra.
Tras a estadía en Monforte de Lemos, os viaxeiros partiron en autobús a Santo Estevo de Ribas de Sil para coller o catamarán turístico e facer un cruceiro polo encoro. Así mesmo, visitaron o mosteiro de Santo Estevo e disfrutaron dunha auténtica queimada galega.
Para finalizar, os viaxeiros visitaron a estación de Os Peares e o seu entorno, así como, a Aula ferroviaria.
Terceira edición
Esta iniciativa innovadora proporciona ao viaxeiro un novo modo de descubrir algúns dos recursos turísticos máis singulares de Galicia.
Nesta terceira edición, ‘Galicia a todo tren’ continúa ofrecendo sete rutas que permiten descubrir as diferentes zonas de Galicia con variadas temáticas: a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño que recorrerán os distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.
O tren da Ruta das Rías Baixas fará a súa viaxe inaugural o próximo domingo 21 de xuño, o da Ruta de Valdeorras o domingo 28 de xuño, o tren da Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e do Ribeiro o sábado 11 de xullo, e por último, o de Monterrei comezará o sábado 18 de xullo.
Estes sete itinerarios estarán constituídos por 57 trens que ofertarán os sábados e domingos dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado año.
Tren do Peregrino
Como principal novidade desta edición, incorporase ao programa o Tren do Peregrino que posibilita a realización do Camiño de Santiago desde Madrid dunha maneira diferente, a bordo dun cómodo Tren Hotel no que os pasaxeiros disporán de aloxamento na Cabina Gran Clase e restauración no propio convoi.
As saídas deste Tren do Peregrino terán lugar os días 6, 13, 20 e 27 de agosto e realizarán percorrido Madrid – Astorga – Ponferrada - Monforte de Lemos - Ourense - Santiago – Madrid.