O Camiño de Santiago e Galicia posiciónanse como referentes do turismo relixioso na Conferencia Internacional de Belén
A directora de Turismo de Galicia participou na Conferencia Internacional sobre Turismo Relixioso da UNWTO.
Nava Castro participou na mesa redonda ‘Rutas de turismo relixioso: a promoción da cooperación transfronteiriza’, onde ofreceu a súa visión do Camiño de Santiago como exemplo de ruta cultural que fomenta o turismo sostible, a integración rexional e o desenvolvemento económico.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou onte na Conferencia Internacional sobre Turismo Relixioso da UNWTO que celébrase estes días na cidade de Belén.
O encontro acolle a autoridades do turismo, representantes das comunidades relixiosas, membros do sector turístico privado, organizacións internacionais e rexionais de desenvolvemento, co obxectivo de intercambiar puntos de vista, perspectivas e experiencias sobre cómo desenvolver e promover o turismo relixioso como unha ferramenta para o desenvolvemento socioeconómico.
Neste marco, a directora de Turismo de Galicia participou segunda xornada deste encontro, na mesa redonda ‘Rutas de turismo relixioso: a promoción da cooperación transfronteiriza’.
A responsable de Turismo da Xunta compartiu debate con Francesca Barracciu, a subsecretaria de Cultura e Turismo de Italia; Dina Tadros, directora de ITALôTEL Tours de Exipto; Barbara Chiodi, directora de Brevivet de Italia; Koji Oyama, asesor do Ministerio de Turismo e Antigüidades de Xordania; e Hani Abu Dayeh, presidente de Net Tours de Palestina.
Nava Castro ofreceu a súa visión sobre o Camiño de Santiago como exemplo de ruta cultural que fomenta o turismo sostible, a integración rexional e o desenvolvemento económico, promovendo ao mesmo tempo a revitalización e promoción da diversidade cultural e as conexións económicas a nivel nacional e internacional.
A directora de Turismo de Galicia reflexionou, así mesmo, sobre a importancia de salvagardar o carácter relixioso neste tipo de itinerarios e a difusión dos seus valores ao longo da ruta, así como, do amplo patrimonio relixioso que atesoura o Camiño de Santiago.