17 xuñ 2015

Turismo de Galicia aposta pola consolidación do mercado ruso cunha dobre acción de promoción no territorio galego

Operadores turísticos e xornalistas especializados en viaxes visitaron a Comunidade galega entre os días 17 e o día 21 de xuño.

Os axentes de viaxes mantiveron unha xuntanza cos representantes do sector turístico galego e na súa estadía percorreron distintos puntos da xeografía galega.

No pasado ano 2014 rexistráronse 7.911 viaxeiros rusos e 12.984 pernoitas nos establecementos hoteleiros de Galicia.

Unha dobre viaxe de familiarización para operadores turísticos e xornalistas especializados que se desenvolveu entre os días 17 e 21 de xuño consolida a presenza de Turismo de Galicia no mercado turístico ruso, logo de que nos últimos anos o organismo da Xunta encargado da promoción turística da Comunidade galega desenvolvese un conxunto de accións para difundir a oferta galega neste emisor emerxente.

Deste xeito, un conxunto de nove operadores turísticos rusos pertencentes á Organización de Turoperadores de Rusia, ATOR, e catro xornalistas especializados realizaron dúas viaxes por Galicia nas que manteviron unha reunión de traballo cos principais empresarios galegos do sector turístico e coñecerán boa parte da oferta turística e o destino Galicia.

Estas viaxes de familiarización estiveron organizadas por Turismo de Galicia e contan coa colaboración da Oficina de Turismo de España en Moscova.

Viaxe de operadores turísticos rusos
Na súa estadía, os operadores turísticos rusos visitaron a cidade de Santiago de Compostela, a súa Catedral e o centro histórico.

O día 18, os profesionais do turismo ruso, que representan ás empresas Coral Travel, Natalie Tours, Mostuflot, Jet Travel, Click Voyages, Russian Express, Vand International, Vremia Tour e ao organismo ATOR, mantiveron unha reunión de traballo con representantes do sector turístico galego no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.

Logo desta xuntanza, partirán cara A Costa da Morte, onde visitaron Fisterra e Carnota, para despois achegarse á vila de Muros.

Na súa estadía en Galicia, o venres 19 de xuño achegáronse ata As Rías Baixas, con visita á cidade de Pontevedra, a praia da Lanzada, O Grove, Cambados e Sanxenxo.

Ao día seguinte desprazáronse ata Baiona e dende alí ata as Illas Cíes, mentres que a xornada do domingo está reservada a visitar o Pazo de Oca, na Estrada, e a Cidade da Cultura.

Prensa rusa especializada
Por outra parte, o día 17 tamén comezou a viaxe organizada por Turismo de Galicia para que a prensa rusa especializada en viaxes poida coñecer a oferta turística galega.

Así, nesta primeira xornada da súa estadía na Comunidade galega coñeceron a cidade de Santiago de Compostela, a Catedral así como as prazas e rúas do Casco Histórico.

O día 18 desprazáronse ata a Ribeira Sacra, onde visitaron a contorna de Chantada, unha adega da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra, o miradoiro dos Balcóns de Madrid, en Parada de Sil; e os mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e San Pedro de Rocas. A xornada do día 18 rematou nas Termas de Outariz, próximas á cidade de Ourense.

Os catro xornalistas rusos, que representan aos medios de comunicación TIG Russia, TripPoint.ru, Gastronom magazine, e Nationla Geographic Traveler, dedicaron o día 19 a visitar parte das Rías Baixas, concretamente a cidade de Pontevedra, a praia da Lanzada, O Grove, ademais de facer un pequeno cruceiro pola Ría de Arousa. Pola tarde visitaron tamén a vila de Cambados e a Illa da Toxa.

O sábado día 20 de xuño os xornalistas rusos tamén se achegaron a Baiona para embarcar cara as Illas Cíes.

Por último, o domingo día 21 de xuño os representantes rusos da prensa especializada en viaxes puideron coñecer A Guarda, os pazos de Santa Cruz de Ribadulla e Oca e a Cidade da Cultura.

Mercado ruso
Polo que respecta ao mercado emisor ruso, no pasado ano 2014 rexistráronse 7.911 viaxeiros e 12.984 pernoitas de turistas rusos dentro dos hoteis e pensións de Galicia.

Así, este mercado supuxo para Galicia o 0,8% do total da demanda internacional de Galicia en 2014.

 

Arriba