O turismo de golf de Galicia promóvese en Holanda a través do torneo ‘KLM Open 2016’
Ao obxecto de incentivar as visitas de golfistas holandeses aos campos galegos, Turismo de Galicia desenvolverá varias accións de promoción durante a celebración desta proba, centradas na instalación dun punto de información
Os mellores xogadores de Europa participan nesta proba que remata mañá na localidade de Spijk
Xerar difusión mediante publicacións nos medios de comunicación locais e especializados e ofrecer información turística e deportiva ao obxecto de atraer os golfistas holandeses e do resto de Europa para que coñezan a oferta para a práctica do golf na Comunidade galega, este foi o obxectivo da presenza de Turismo de Galicia no torneo ‘KLM Open 2016’ que se celebrou en Holanda .
Con estas premisas, o departamento de Turismo da Xunta instalou un expositor no campo de Spijk no que os visitantes puideron obter información turística xeral e específica das posibilidades que ofrece a Comunidade galega para a práctica do golf, ademais de promover o turismo galego a través de contactos cos medios de comunicación, asociacións de golfistas e operadores turísticos especializados.
Neste ámbito, Holanda conta con 150 campos de golf e 282.000 licencias federativas de xogadores de golf, o que significa que unha porcentaxe elevada da poboación practica este deporte. Estes datos confiren a este país como una potencial emisor de xogadores de golf cara Galicia.
Enlaces aéreos
A este respecto, tamén compre sinalar que na actualidade existen conexións aéreas directas entre Galicia e Holanda o que facilita o acceso á Comunidade galega dos visitantes holandeses.
O ‘KLM Open 2016’, é un torneo do Circuíto Europeo Profesional, e conta cunha participación dos mellores xogadores de Europa, así como de América, Asia, Oceanía e África, ademais de concentrar un gran número de espectadores, non só holandeses, senón de distintos países limítrofes como Bélxica, Francia, Alemaña, Reino Unido, ou Dinamarca que son de interese para o noso destino.