A exposición do oitavo centenario “San Francisco e o seu tempo” supera as 8.000 visitas no seu último mes
A mostra, que abriu as súas portas no Pazo de Xelmírez no mes de marzo, pechará as súas portas o martes 30 de xuño.
A exposición reúne unha escolma de arte dos séculos XIII e XIV que ilustra a vida de San Francisco e os inicios da orde franciscana nun achegamento ao século XIII.
O arca-relicario dos Mártires de Marrocos é unha das pezas máis significativas da exposición que goza coa consideración de Patrimonio Nacional de Portugal.
A exposición do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela “San Francisco e o seu tempo” que abriu as súas portas no Pazo de Xelmírez o pasado mes de marzo superou xa os 8.000 visitantes. A mostra, organizada por Turismo de Galicia, pechará as súas portas o martes 30 de xuño.
A dita exposición reúne unha escolma de arte dos séculos XIII e XIV que ilustra a vida de San Francisco e os inicios da orde franciscana nun achegamento ao século XIII no que se desenvolve e sitúase o principal expoñente da arquitectura gótica civil en Galicia.
Os contidos da mostra, expresados a través da escultura, pintura, restos arquitectónicos, documentos e ourivería dos séculos XIII e XIV, dialogan cos espazos do Pazo de Xelmírez integrándose así o espazo expositivo como unha peza mais desta exposición.
A mostra conta con grandes pezas da cultura occidental chegadas desde Italia, Francia, Portugal, Castela e León, e Galicia: pintura mural, pintura sobre táboa, escultura en granito, pedra calcaria e madeira policromada, ourivería, documentos, manuscritos medievais, etc.
Deste xeito, este gran proxecto expositivo constitúe un gran esforzo para amosar o espírito franciscano en harmonía co xacobeo, a lembranza de San Francisco e os seus irmáns no Camiño de Santiago, e a evocación da ruta de peregrinación a Compostela na Baixa Idade Media, no tempo do santo de Asís.
Percorrido pola exposición
A exposición trata de explicar o contexto histórico-cultural no que se desenvolve a época de San Francisco e das primeiras xeracións franciscanas, evocando unha viaxe no tempo e no espazo.
Comeza esta viaxe nas portas da cidade de Asís, en concreto na porta de Santiago, e continúa polas portas das catedrais da ruta xacobea, espazos sacros do Camiño. Ten un pequeno alto meditativo nunha necrópole, nun breve encontro coa “Irmá Nai Terra” de San Francisco, antes de seguir cara a un albergue, hospital ou mosteiro.
A evocación do camiño de peregrinación entre Roma e Santiago conforma a seguinte parte da exposición; un camiño con estímulos como as reliquias, tesouros de espiritualidade, a devoción mariana e os conventos franciscanos da ruta compostelá, evocados a través de pezas relevantes procedentes da catedral gótica de Bourges, do convento compostelán e do convento de Lorvão, en Coimbra, onde se atopan as reliquias dos mártires de Marrocos, franciscanos enviados por San Francisco a predicar ao norte de África.
A mostra remata nun encontro con San Francisco e o seu legado, cos valores humanos e espirituais do santo e dos seus freires.
O arca-relicario dos Mártires de Marrocos
O arca-relicario dos Mártires de Marrocos é unha das pezas máis significativas da exposición "San Francisco e o seu Tempo". Procedente do Mosteiro de Santa María de Lorvâo, consérvase dende a desamortización no Museo Nacional Machado de Castro.
A peza goza da máxima consideración do Estado portugués, polo que está considerada Patrimonio Nacional.
Esta arca, que constitúe un exemplo de escultura tumular, abre o capítulo da escultura gótica, constituíndo o mais antigo documento iconográfico que testemuña o culto aos cinco mártires franciscanos.