28 xuñ 2015

Turismo promove Galicia como destino de golf co VI Open Rías Baixas e a viaxe dun xornalista especializado de Holanda

A entidade de promoción do turismo galego outorgou os premios aos primeiros clasificados neste evento deportivo que se celebrou no campo de Mondariz Balneario ata o día de onte.

O xornalista especializado de Holanda está a visitar as distintas instalacións para a práctica do golf que atesoura Galicia e coñecendo as distintas posibilidades que ofrece para complementar a práctica do golf coa gastronomía, o ocio e o turismo.

Turismo de Galicia continúa co seu labor de promoción do golf como recurso turístico da comunidade galega, neste caso co patrocinio do torneo VI Open Rías Baixas e coa organización da visita dun xornalista holandés especializado neste deporte.

Deste xeito, o organismo de promoción do turismo galego figurou como colaborador especial na organización do evento deportivo que se celebrou no campo de Mondariz Balneario ata o día de onte.

Turismo de Galicia outorgou os trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría masculina, o trofeo á mellor clasificada nas categorías femininas, o trofeo ao mellor clasificado da categoría sénior e tamén ao mellor scratch.

Ademais o departamento de Turismo da Xunta de Galicia contou cunha presenza preferente en todos os soportes publicitarios e difundirá a oferta de golf de Galicia a través de 8.000 trípticos que se lle entregaron aos participantes e aos seus acompañantes. O organismo de promoción turística ocupou tamén varios espazos no campo cos que se promocionou a oferta turística galega.

Prensa holandesa
Neste eido da promoción do golf, Turismo de Galicia organizou tamén a viaxe dun xornalista holandés especializado neste deporte, que está a visitar Galicia para coñecer de preto a oferta da comunidade.

O xornalista permanecerá catro días na Comunidade galega, onde xa visitou o Campo de Golf de Meis, as instalacións para a práctica do golf do balneario de Mondariz, así como o campo de golf Ría de Vigo.

Na súa estadía en Galicia, tamén poderá coñecer a oferta gastronómica e a distintas posibilidades que ofrece o territorio galego para complementar a práctica do golf co ocio e o turismo.

 

Arriba