03 xul 2015

Os curros de cabalos salvaxes: “A rapa das bestas”

“Con cornos e con berros acosan as bestas polos montes ata lograr acurralalas. Unhas, sacrifícanas para comelas. Outras, dómanas e sérvenlles de montura para as súas loitas guerreiras”
ESTRABÓN

A existencia de mandas de cabalos salvaxes nas montañas é o testemuño máis sorprendente de como Galicia preserva o valor do natural. Este feito dá lugar a un dos espectáculos máis xenuínos sobre un traballo de campesiños e gandeiros que, cada primavera, se despregan nos montes para, con berros guerreiros, obrigar os cabalos a baixar aos vales.

Esta liturxia, que é tan antiga como Galicia, repítese cada ano.

Os cabalos son pequenos e robustos, adaptados durante séculos á supervivencia nunhas montañas nas que a crueza do inverno é a súa única compañía. En verán, pola contra, os visitantes presencian con frecuencia un espectáculo conmovedor cando ao lonxe descobren a silueta de cabalos buscando a brisa refrescante sobre o cume do monte.

 

Rapa das bestas de Sabucedo.

De madrugada, os mozos soben ao monte dirixidos polo bestilleiro e van acurralando os cabalos. O rito empeza coa baixa: a operación de acoso, acurralamento e condución das greas que, en espectacular galopada, van descendendo ata chegar ao curro.

Neste realízase a rapa das bestas: o home separa, marca a lume e corta as crinas das reses (que logo serán aproveitadas con fins industriais). Os animais máis novos son postos de novo en liberdade, cos garañóns e as potras.

A operación de separalas é un fervedoiro de homes e animais que pelexan entre si. Aqueles tratando de montalas e inmobilizalas, mentres que estas se defenden revolvéndose, alzándose, couceando e rinchando.

É un espectáculo de extraordinaria forza e vistosidade que ten lugar nos curros. Estes, ás veces, constan de unicamente unhas estacadas ou un peche de tea metálica. Noutras ocasións aprovéitase unha canella do terreo. Os máis modernos son de cachotaría. O de Sabucedo (A Estrada, Pontevedra) construíuse no século XVIII, pegado á igrexa, con bos perpiaños que serven de asento para os visitantes. Celébrase a primeira fin de semana de xullo e está declarado de interese turístico, ao igual que o de Candaoso, en Santo André de Boimente (Viveiro, Lugo).

LUGARES E DATAS

MAIO
 Curro de Valga, en Oia (Pontevedra), o 2.° domingo de maio.

XUÑO
 Curro de Torroña, en Oia (Pontevedra), o 1.° domingo de xuño.
 Curro de Mougás, en Oia (Pontevedra), o 2.° domingo de xuño.
 Curro de Morgadáns, en Gondomar (Pontevedra), o 3.° domingo de xuño.
 Curro de San Cibrán, en Doas-Gondomar (Pontevedra), o 4.° domingo de xuño.
 Curro da Capelada, en Cedeira (A Coruña), o último domingo de xuño.
 Curro Campo do Oso, na Pastoriza-Mondoñedo (Lugo), o último domingo de xuño.

XULLO
 Curro de Sabucedo, en San Lorenzo de Sabucedo-A Estrada (Pontevedra), o 1.° sábado, domingo e luns de xullo.


 Curro de Candaoso, en Santo André de Boimente-Viveiro (Lugo), o 1.° domingo de xullo.

.
 Curro de Amil, en Amil-Morana (Pontevedra), o 2.° domingo de xullo.


 Curro de Monte Castelo, en Cotobade (Pontevedra), o 2.° domingo de xullo.

AGOSTO
 Curro Recarei-Santo Tomei, no Valadouro (Lugo), o 1.° domingo de agosto.

 

Arriba