07 xul 2015

Galicia converterase na capital da gastronomía ao albergar a Gala Michelin España e Portugal 2016

A gala Michelin terá lugar en Santiago de Compostela o próximo 25 de novembro no emblemático Parador dos Reis Católicos.

A capital galega e meta do Camiño de Santiago converterase así no epicentro da restauración de alto nivel e Galicia consolidarase como destino gastronómico de primeira orde.

Máis de 400 convidados chegados de todas as partes do mundo poderán coñecer de primeira man a nosa comunidade e unha das principais fortalezas de Galicia, a gastronomía.

A directora de Turismo de Galicia destacou que a elección da nosa comunidade como escenario para esta celebración demostra o gran momento que está a vivir Galicia e a súa gastronomía.

Gastronomía de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, anunciou  que a presentación da guía Michelin España e Portugal 2016 se celebrará en Galicia. Así, a listaxe de establecementos que ostentarán o galardón Estrela Michelin en 2016 coñecerase en Santiago de Compostela.

A gala, que terá lugar o próximo 25 de novembro no emblemático Parador dos Reis Católicos, converterá a meta do Camiño no epicentro da restauración de alto nivel.

“Esta prestixiosa gala é moito máis que a presentación dunha guía, é o evento gastronómico do ano”, afirmou Nava Castro na rolda de prensa celebrada no día de hoxe.

Máis de 400 convidados chegados de todas as partes do mundo poderán coñecer de primeira man a nosa comunidade e unha das principais fortalezas de Galicia, a gastronomía.

Esta prestixiosa gala constituirá, así, o mellor escenario para a promoción da marca Galicia e dos produtos e cociñeiros galegos.

Nava Castro destacou durante a súa intervención que a presentación da Guía Michelin constitúe o evento gastronómico máis importante da Península e o que maior repercusión mediática xera. Neste senso, resaltou que no ano pasado a cita ocupou a portada en 50 medios de comunicación nacionais e foi cuberto en directo por unha vintena de televisións. “Sen dúbida, a fama e o prestixio preceden este evento que amplificará o recoñecemento do que goza a cociña galega a nivel mundial e posicionará a nosa comunidade como un destino gastronómico de primeiro nivel”, incidiu a responsable de Turismo da Xunta.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia sinalou que a elección da nosa comunidade como escenario para esta celebración demostra o gran momento que está a vivir Galicia e a súa gastronomía.

Nesta liña, destacou que a nosa comunidade conta con máis de cinco mil trescentos restaurantes inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas que poñen a disposición dos nosos visitantes máis de 365 mil prazas nas que degustar os nosos exquisitos pratos. Así mesmo, recordou que 12 destes restaurantes galegos contan co galardón Estrela Michelin.

“Sen dúbida, comer en Galicia é un conxunto de experiencias ligadas ao goce dun dos nosos fundamentais recursos turísticos”, afirmou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia destacou que é unha gran noticia para todos os galegos e galegas e un exemplo máis que evidencia a excelencia de Galicia como destino turístico e o nivel acadado pola cociña galega. “Este evento constituirá un importante reclamo para a nosa comunidade e posicionará Galicia como capital da gastronomía europea”, concluíu Nava Castro.

Arriba