14 xul 2015

Turismo de Galicia aposta pola promoción e difusión dos recursos e produtos turísticos de Terras de Pontevedra

A directora de Turismo de Galicia e o presidente da Mancomunidade rubricaron onte un acordo para a realización de actividades de promoción e información do turismo no territorio da mancomunidade Terras de Pontevedra.

Turismo de Galicia e mais a mancomunidade Terras de Pontevedra apostan pola coordinación interadministrativa para a realización de actividades de promoción do turismo.

Turismo de Galicia achega 60.000€ a través deste convenio que ten como obxectivo a constitución, posta en funcionamento e xestión dunha serie de actividades para a promoción do turismo no ámbito na Mancomunidade.

O convenio integra actuacións referentes ao arte rupestre, a promoción do comercio de proximidade, as novas tecnoloxías e a mellora no acceso dixital aos recursos turísticos dos concellos.

A directora de Turismo de Galicia e o presidente da Mancomunidade de Concellos de Pontevedra asinaro o acordo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez asinou onte un convenio de colaboración coa Mancomunidade Terras de Pontevedra para a realización de actividades de promoción e información do turismo no territorio que engloba a mancomunidade.

O Plan Integral de Turismo recolle unha liña estratéxica centrada na cooperación interadministrativa e público-privada, así como actuacións orientadas ao desenvolvemento dos destinos. De modo que Turismo de Galicia impulsa convenios de colaboración para a posta en valor dos recursos e da oferta diferencial dos destinos “para facer de Galicia unha marca diferencial, un destino multiexperiencial e cun sector competitivo, innovador e internacional e que funcione como modelo europeo de turismo sostible”.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o obxectivo deste convenio é a constitución, posta en funcionamento e xestión dunha serie de actividades para a promoción do turismo no ámbito da Mancomunidade Terras de Pontevedra a través da priorización de accións de promoción, difusión e dinamización dos valores patrimoniais e culturais da zona esta mancomunidade.

A través deste convenio asinado onte, Turismo de Galicia realiza unha achega de 60.000€ para o desenvolvemento de diferentes actuacións que perseguen a sensibilización tanto dos visitantes como dos propios veciños da zona sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio cultural, histórico e arqueolóxico para que teña unha clara proxección turística coa correspondente incidencia económica.

Tal como matizou Nava Castro, o convenio integra actuacións referentes á comercialización do produto de arte rupestre e á potenciación das sinerxías con outros centros de arte rupestre, así como á promoción do turismo accesible, onde se procederá á elaboración de paquetes turísticos e incidirase na promoción das rutas xa elaboradas, a organización de blogtrip con blogueiros con mobilidade reducida, a procura de axencias de viaxes especializadas e a continuación do traballo de difusión e promoción entre os centros e asociacións de persoas de mobilidade reducida de toda España e o reforzamento en diferentes países europeos. A directora de Turismo de Galicia continuou explicando que o convenio tamén integra actividades relacionadas coa promoción do comercio de proximidade e tamén aborda actuacións relacionadas coas novas tecnoloxías e a mellora no acceso dixital ao recursos turísticos dos concellos.

Estas actuacións integradas no convenio axudarán a mellorar os datos turísticos deste territorio que o pasado ano recibiu preto de 179 mil viaxeiros que realizaron mais de 418 mil pernoitas. Neste senso é destacable o aumento do 15% que se produciu dos viaxeiros estranxeiros nos establecementos hoteleiros deste territorio da Ría e Terras de Pontevedra.

Arriba