Turismo de Galicia celebra a exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’
A mostra enmárcase na candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO
A exposición de carácter divulgativo e didáctica chega a Santiago despois de percorrer varias cidades europeas e españolas
Estará aberta ao público na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o próximo 3 de novembro
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, realizou unha visita á exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’.
A mostra organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, enmárcase na candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO.
Turismo de Galicia, achega así esta exposición de carácter divulgativo e didáctica que despois de percorrer varias cidades europeas e españolas chega agora a Santiago para reforzo e apoio a dita candidatura.
Para elo, a mostra conta con textos, fotografías, o facsímil do documento, pezas orixinais así como recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice onde a creatividade contemporánea forma parte do proxecto.
Así mesmo, ademais de varias láminas orixinais do artista Francisco Leiro, que forman parte da primeira versión completa do Calixtino en lingua galega, a exposición mostra unha serie de fotografías actuais do Camiño de Santiago, de artistas como Luís Gabú, Santy López, Manuel Valcárcel, Margen Fotografía, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach, que ilustran a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi.
Trátase, deste xeito, dunha maridaxe entre o pensamento do século XII e a vivencia da peregrinación compostelá no século XXI.
A mostra estará aberta ao público na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela de luns a sábado ata o próximo 3 de novembro en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas.