Galicia acada no mes de xuño un máximo histórico de viaxeiros aloxados ao rexistrar o incremento máis elevado do Estado
No pasado mes de xuño Galicia experimentou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 18,7%, rexistrando máis de 430.000.
O turismo internacional acadou no pasado mes de xuño máximos históricos tanto de volume –con máis de 160.000 viaxeiros- como de peso –representando o 37% do total de viaxeiros-.
A ocupación en Galicia rexistrou tamén un incremento en xuño de 4,3 puntos porcentuais situándose na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.
No primeiro semestre do ano a nosa comunidade rexistrou un máximo histórico de viaxeiros aloxados e a cifra máis elevada de pernoitas dos últimos cinco anos.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) no pasado mes de xuño Galicia experimentou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 18,7%, rexistrando máis de 430.000 -433.377-, cifra que marca un máximo histórico na nosa comunidade e supera nun 14% o dato do último ano Santo 2010.
Subiron tamén neste pasado mes de xuño as pernoitas rexistradas en Galicia, nun 12,9% neste caso, ata acadar preto de 760.000 -759.836-.
Estes elevados incrementos do mes de xullo deste ano aseméllanse en grande medida aos anos Xacobeos 2004 e 2010 cando se rexistraban incrementos de notable intensidade e distantes dos anos próximos
A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas que incrementáronse un 4,4% e un 1,6% respectivamente.
Galicia foi a comunidade autónoma que rexistrou a taxa de crecemento de viaxeiros máis elevada do conxunto do Estado, superando en máis de dous puntos o dato de Asturias, segunda comunidade do ránking.
En termos de mercado, o turismo interno –correspondente ao dos residentes en Galicia- tamén incrementouse na nosa comunidade, nun 18,7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 10,5% as súas pernoitas.
O turismo receptor nacional –aquel que se corresponde cos españois procedentes doutras comunidades autónomas- subiu tamén de forma notable neste mes de xuño, rexistrando un incremento dun 15,5% na cifra de viaxeiros aloxados e nun 10,8% das pernoitas.
Así mesmo, o turismo internacional continuou a senda de crecemento acadando no pasado mes de xuño máximos históricos tanto de volume –con máis de 160.000 viaxeiros aloxados e 237.245 pernoitas- como de peso dentro da estrutura da demanda –representando o 37% do total de viaxeiros e o 31,2% das pernoitas-.
A nivel territorial as catro provincias galegas rexistraron un comportamento positivo da demanda hoteleira, destacando o incremento de A Coruña, onde as pernoitas subiron nun 14,9%, e de Pontevedra, cunha suba do 15,5% neste caso.
En canto aos niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora en relación ao pasado ano, ao incrementarse a mesma en 4,3 puntos porcentuais, situándose na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.
Tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron neste sexto mes do ano, un 4,5%.
A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de xuño, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de 2014 –o RevPAR subiu un 17,6%-. Neste mes Galicia rexistrou a segunda taxa de crecemento máis importante de toda España.
Acumulado do ano
No primeiro semestre do ano Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade do 12,4% en relación ao pasado ano, rexistrando máis de 1,6 millóns. Melloraron tamén as pernoitas incrementándose un 7,8% neste caso e rexistrando preto de 2,85 millóns neste período.
É o segundo ano consecutivo no que a nosa comunidade rexistra un incremento da demanda neste período de seis meses, circunstancia que leva a que Galicia rexistre no primeiro semestre de 2015 un máximo histórico de viaxeiros aloxados e a cifra máis elevada de pernoitas dos últimos cinco anos.
A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 5,7% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,3% no que atinxe ás pernoitas. En termos de viaxeiros, Galicia rexistrou a segunda porcentaxe de crecemento máis elevada do conxunto do Estado.
A mellora dos niveis de demanda rexistrada na nosa comunidade vén como consecuencia do bo comportamento experimentado polos tres grandes segmentos de mercado.
O turismo interno incrementou un 1,8% as súas pernoita e un 8,2% os seus viaxeiros aloxados.
O turismo receptor nacional incrementouse tamén, nun 9,1% as pernoitas e nun 11,1% os viaxeiros, mentres que o internacional subiu un 13,5% as súas pernoitas e un 19% os viaxeiros aloxados.
O notable incremento do turismo internacional levou consigo que este mercado acadase un máximo histórico tanto de volume –con máis de 470.000 viaxeiros aloxados e 723.770 pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –supoñendo o 29,4% dos viaxeiros e o 25,4% das pernoitas-.
Como consecuencia da mellora dos volumes de demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano, en 2,25 puntos porcentuais, ata situarse na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.