10 ago 2015

O Tren do Peregrino chegou a Galicia con 110 viaxeiros a bordo

Trátase dunha das grandes novidades da nova edición do programa ‘Galicia a todo tren’ que Turismo de Galicia promove en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Una novidosa opción para realizar a pe ou en bicicleta o Camiño de Santiago coa comodidade que supón contar co transporte e o aloxamento nun só medio moderno e confortable.

O Tren do Peregrino realizará outras tres saídas desde Madrid neste mes de agosto os días 13, 20 e 27.

O Tren do Peregrino, unha das grandes novidades do programa ‘Galicia a todo tren’ que Turismo de Galicia promove en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), fixo xa a súa primeira viaxe a Galicia.

O Tren do Peregrino saíu de Madrid con 110 viaxeiros a bordo o pasado xoves 6 de agosto con destino Santiago de Compostela onde hegou tras percorrer un traxecto do Camiño que abrangue tres etapas que os viaxeiros poderán facer a pé ou na súa bicicleta, coa que poden viaxar a bordo.

En cada estación na que o tren se detén ata o lugar onde se inicia a etapa da Ruta Xacobea os viaxeiros son trasladados nun autobús que os acompaña no seu traxecto para os desprazamentos que sexan necesarios.

Esta nova opción de vivir a experiencia única que supón o Camiño de Santiago, inclúe o aloxamento nunha cabina de Gran Clase con baño completo, os almorzos e dúas ceas que se servirán a bordo do tren a primeira e a última noite da viaxe. Así mesmo, inclúe tamén unha selección de excursións, actividades e visitas culturais completan a viaxe.

Así, o concepto do Tren do Peregrino responde ao dun hotel en movemento que dispón de cuartos con baño completo para pasar a noite, un coche cafetaría, dous coches restaurante e outro coche máis acondicionado para o ocio ou os faladoiros.

Trátase, polo tanto, dunha oferta atractiva que ofrece a posibilidade de percorrer o Camiño de Santiago, combinando natureza, cultura e gastronomía.

A comodidade que supón contar co transporte e o aloxamento nun só produto moderno e confortable é a esencia deste produto turístico.

Este Tren do Peregrino realizará tres saídas máis de cinco días -catro noites- ao longo deste mes de agosto a Galicia, en concreto os días 13, 20 e 27.

Arriba