10 ago 2015

Turismo de Galicia impulsa a promoción turística do xeodestino Arousa Norte e a súa consolidación como destino accesible

A directora de Turismo de Galicia, xunto coa delegada territorial da Xunta en A Coruña, asinou un convenio de colaboración co presidente da Mancomunidade Ría de Arousa Norte.

Este acordo constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola coordinación interadministrativa para lograr así unha xestión máis eficaz e un sector turístico competitivo e de calidade.

O obxectivo deste convenio é lograr a consolidación do xeodestino Arousa Norte como destino accesible, mellorar a súa comunicación en internet, promover o turismo cultural e deportivo e levar a cabo diversas actividades de promoción.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, asinou un convenio de colaboración co presidente da Mancomunidade Ría de Arousa Norte, Juan José Dieste, para a realización de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo da mancomunidade para, así, contribuír na potenciación do territorio como destino turístico.

Este acordo constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola coordinación interadministrativa para lograr así unha xestión máis eficaz e un sector turístico competitivo e de calidade.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o convenio constitúe unha continuación da colaboración realizada a través do Plan de Dinamización desenvolvido nesta área, levando agora a cabo actuacións que afectan ao conxunto do territorio da Mancomunidade, para, desta forma, “reafirmar un xeodestino xa moi definido no ámbito turístico: a Ría de Arousa Norte”.

Nava Castro explicou que o obxectivo deste convenio é lograr a consolidación do xeodestino Arousa Norte como destino accesible, mellorar a súa comunicación en internet, promover o turismo cultural e deportivo e levar a cabo diversas actividades de promoción.

A través do acordo, Turismo de Galicia realizará unha achega de 60.000 € para o desenvolvemento de diferentes actuacións que, tal como sinalou a directora de Turismo de Galicia, estarán integradas en dúas liñas de actuación: a consolidación do turismo accesible e a promoción de produtos e do destino.

Consolidación do turismo accesible
Arousa Norte destaca por ser un destino de referencia en turismo accesible. Ao longo dos últimos anos desenvolveu diversos produtos turísticos innovadores destinados a persoas con discapacidade visual ou auditiva en colaboración coas principais asociacións especializadas, converténdose nun referente nacional neste segmento.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia afirmou que é esencial fortalecer esta oferta de turismo social apta para todas as persoas con independencia da súa idade, discapacidade ou situación.

Así, o convenio, na súa primeira liña de actuación, inclúe as seguintes iniciativas:

Formación específica dirixida ao persoal das oficinas de turismo e implantación de soportes de información accesible nas mesmas.
Apoio á celebración do “Encontro estatal de persoas maiores xordas”.
Mellora na comunicación da oferta accesible e sensitiva de Arousa Norte.
 

Promoción de produtos e do destino
A segunda liña de actuación do convenio de colaboración céntrase na promoción de produtos e do destino incluíndo as seguintes accións:

Mellora da comunicación en internet mediante a actualización da páxina web de Arousa Norte e a promoción a través das redes sociais.
Promoción do turismo cultural e deportivo coa elaboración dun manual de imaxe corporativa comarcal para o inicio de itinerarios.
Apoio á promoción de eventos deportivos en contacto coa natureza, como a andaina popular, o campionato de Ultratrail, ou campionato de “mushing”.
Apoio á promoción de eventos culturais con dimensión comarcal.
Organización de actividades de promoción do destino.


Máis de 135.000 viaxeiros no primeiro semestre de 2015
Todas estas actuacións integradas no convenio axudarán a mellorar os datos turísticos deste territorio que recibiu no pasado ano 2014 a preto de 398.000 viaxeiros que realizaron máis de 1.130.000 pernoitas.

Neste ano a Rías de Arousa continúa na senda do crecemento xa que no primeiro semestre deste ano incrementou os seus viaxeiros un 7,9%, en relación ao mesmo período do pasado ano, superando os 135 mil, e as súas pernoitas nun 11%, superando as 338.000.

O sector turístico, tractor na economía
A directora de Turismo de Galicia fixo referencia durante a firma do convenio á importancia do turismo que, segundo afirmou, representa en Galicia un 11% do PIB e en España un 12%, axudando a balanza de pago e mitigando, polo tanto, o desequilibrio da balanza comercial.

Neste senso, Nava Castro destacou que España é o segundo país en ingresos por turismo internacional do mundo e o cuarto en número de turistas internacionais, sendo a actividade turística un tractor para a economía nacional.

Arriba