O complexo do Monte do Gozo contará cun plan de usos e outro da paisaxe para crear un espazo especial para a Comunidade
Turismo de Galicia asume temporalmente a xestión das 800 prazas de albergue e os traballos de roza do complexo.
Co Plan de Usos incidirase na mellora da accesibilidade e mobilidade do complexo e na ordenación urbanística e na mellora de dotacións públicas e co Plan da Paisaxe actuarase na posta en valor das vistas, na mellora das condicións da vexetación existente e no tratamento de borde.
Nos sete primeiros meses deste ano contabilizáronse peregrinos de mais de 160 nacionalidades diferentes.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá o complexo do Monte do Gozo que conta con catro áreas diferenciadas. O albergue consta de 67.000 m2 de zona de acampada, a área de acollida de peregrinos está integrada por pavillóns residencias e servizos complementarios, o auditorio contén un grada para un aforo de 30.000 persoas e o Centro Europeo Pastoral Xuvenil “Juan Pablo II” completa o complexo con 1.222 m2.
Nesta visita, Nava Castro explicou que Turismo de Galicia está asumindo temporalmente as 800 prazas de albergue coas que conta este complexo, ademais da adecuación do mesmo mediante a roza do complexo.
A directora de Turismo de Galicia adiantou tamén que se acaba de encargar a redacción dun plan de usos que determine as actuacións a realizar nestas instalacións, así como se iniciou o procedemento para encargar a redacción dun plan da paisaxe.
Plan de Uso e Plan da Paisaxe para o Monte do Gozo
A responsable de Turismo de Galicia comentou que os obxectivos do Plan de Usos son a mellora da accesibilidade e mobilidade do complexo, a ordenación urbanística de ámbitos non desenvolvidos, a ordenación da paisaxe e da urbanización e espazos públicos e a mellora das dotacións públicas. “Faranse unha serie de propostas integradoras que dean sentido a todo o ámbito e que materialicen a alma, a historia e o futuro do Monte do Gozo” apuntou.
A principal meta deste plan é a recuperación da paisaxe e a creación dun lugar especial para a comunidade xa que nun espazo tan amplo e con tantos puntos de interese vese necesario crear un orde espacial, unha centralidade e unha confluencia para que todo teña un correcto funcionamento.
Pola súa parte, o Plan da Paisaxe abarca diferentes zonas do complexo e incidirá principalmente nos accesos, na posta en valor das vistas, na mellora das condicións de urbanización e da vexetación existente e no tratamentos de borde.
Nava Castro apuntou que o proxecto non consistirá só na construción dun parque ou unha zona verde ou nun proxecto de rehabilitación dos edificios e espazos, senón que o proxecto abrangue unha dimensión máis notoria ao procurar construír un lugar que albergue a esencia dos camiños e da peregrinación para darlle a Santiago un novo espazo para que tanto peregrinos como turistas e os propios veciños poidan gozalo.
O proxecto definirá as actuacións en todo o complexo tomando como principais puntos a ter en conta o tratamento de todo o perímetro, as melloras de accesibilidade, a recuperación do entorno do auditorio, o tratamento de áreas libres, do entorno do albergue, de esculturas de interese e de todos os espazos próximos á igrexa, edificios e os monumentos. Tamén terá en conta a recuperación do entorno do auditorio,
A directora de Turismo de Galicia finalizou as súas declaracións nesta visita comentando que con esta intervención se trata de crear tamén un verdadeiro parque periurbano para a cidade de Santiago e contorna que poida acoller unha serie de usos como a realización de actividades deportivas ao aire libre, a adecuación de lugares para que os mais cativos poidan xogar ou as actividades ligadas á saúde como a meditación ou o yoga entre outras moitas.
A adecuación do Monte do Gozo beneficiará aos peregrinos
A adecuación do Monte do Gozo beneficiará aos miles de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago cada ano. Nos primeiros sete meses deste ano, chegaron a Santiago un total de 137.391 peregrinos, un 12,23% mais que no mesmo período do ano anterior.
Ademais do importante crecemento no número de peregrinos que se está a producir este ano, tamén é destacable o aumento do número de países dos que proveñen os peregrinos. O ano pasado chegaron peregrinos de mais de 140 nacionalidades diferentes e nestes primeiros sete meses do ano xa se contabilizaron máis de 160 nacionalidades distintas.