O chef xaponés Hirohisa Koyama ofrece unha clase maxistral a alumnos e profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia
Durante a súa estadía en Galicia, protagonizará tamén un encontro con catorce cociñeiros galegos que contan nos seus restaurantes con produtos da cociña xaponesa
Así mesmo, impartirá un relatorio-obradoiro de cociña no que participarán profesionais do sector e profesores e alumnos das escolas de hostalería de Galicia
O prestixioso chef xaponés Hirohisa Koyama visitou o Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) onde iniciou unha serie de actividades relacionadas coa súa cociña e da que se poderán beneficiar alumnos e profesores do centro así como outros profesionais da gastronomía galega.
Así, ofreceu unha clase maxistral aos alumnos de Diploma en Gastronomía e Xestión en Cociña e pola tarde, foron os profesores do CSHG os que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a cociña deste prestixioso chef.
Durante a súa estadía en Galicia, Hirohisa Koyama protagoniza tamén protagonizou onte un encontro no Centro Superior de Hostalería de Galicia con catorce cociñeiros galegos, varios dos cales contan coa prezada Estrella Michelin.
Así, o chef xaponés reuniuse cos cociñeiros galegos que máis e mellor están producindo na nosa comunidade técnicas e produtos da cociña xaponesa nas cartas dos seus respectivos restaurantes. Concretamente, no encontro estarán presentes Pepe Solla -Casa Solla-, Luis Veira -Árbore da Veira-, Bea Sotelo -A Estación-, Lucía Freitas -A Tafona-, Daniel López -O Camiño do Inglés-, Carlos Pérez –Hokuto- e Pablo Pizarro –Bocanegra-.
Estes cociñeiros galegos prepararán dúas das propostas máis características dos seus restaurantes e Koyama terá a oportunidade de desgustar e realizar as súas aportacións, tanto no relativo ao trato do produto como ao sabor final acadado no prato así como a súa presentación.
Así mesmo, no programa de hoxe Hirohisa Koyama impartirá un relatorio-obradoiro de cociña no que participarán profesionais do sector e profesores e alumnos das escolas de hostalería de Galicia.