Xornalistas e operadores promoverán o turismo galego en Alemaña, Francia e o Reino Unido
Catro viaxes de familiarización, tres deles internacionais, organizados por Turismo de Galicia, permitirán a dita promoción
Ademais, Turismo de Galicia organizou tamén nestes días unha visita de catro expertos e divulgadores da ornitoloxía aos principais emprazamentos de avistamento de aves en Galicia co obxectivo de promover o turismo ornitolóxico
Catro viaxes de familiarización, tres deles internacionais, organizados por Turismo de Galicia, permitirán a promoción da oferta turística galega en Alemaña, Francia e Gran Bretaña, logo de que xornalistas e operadores turísticos visitaran Galicia. Ademais, o departamento de Turismo da Xunta organizou unha visita de catro expertos e divulgadores da ornitoloxía aos principais emprazamentos de avistamento de aves en Galicia co obxectivo de promover o turismo ornitolóxico no territorio galego.
Deste xeito, nestes días, un grupo de oito xornalistas franceses que representaban aos medios Prestige et Santé, Torumag, Gastronomica, AR Magazine, Voyagerpratique, Voyages Satrategie e Le Generaliste estiveron en Galicia e visitaron os principais paradores da rede galega ademais de coñecer a súa oferta complementaria nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Paradores de España e a Oficina de Turismo de España en París.
Así mesmo, representantes de dous operadores turísticos británicos –Typically Spain e Winertrails- percorreron Galicia nunha viaxe, organizada tamén polo departamento de Turismo da Xunta, para dar a coñecer en Gran Bretaña a oferta turística galega relacionada coa enogastronomía.
Na súa estadía, os axentes de viaxes de Gran Bretaña visitaron distintas adegas de varias denominacións de orixe protexidas galegas así como restaurantes e locais de hostalaría nos que que puideron apreciar distintas especialidades da cociña galega.
Ademais, os operadores británicos puideron coñecer tamén parte da oferta turística galega relacionada coa natureza e a cultura, tanto na costa como no interior de Galicia.
Outra das viaxes de familiarización co destino Galicia organizadas pola Xunta este días, trouxo á Comunidade galega oito xornalistas alemáns co obxectivo de que puidesen achegarse á artesanía de Galicia, visitando talleres, entrevistándose con artesáns e coñecendo os produtos relacionados con esta actividade.
Nesta viaxe de familiarización participaron xornalistas freelance e colaboradores de medidos como Stadtmagazine Blitz Dresden, Leipzig, Halle, Chemnitz, Vogue, Rhein Main Presse, Rhein-Neckar-Zeitung ou Hessischer Rundfunk, entre outros.
Turismo ornitolóxico
Por outra parte, Turismo de Galicia organizou unha visita de catro expertos e divulgadores da ornitoloxía aos principais emprazamentos de avistamento de aves en Galicia co obxectivo de promover o turismo ornitolóxico no territorio galego.
Nesta viaxe, os visitantes puideron coñecer ademais a oferta do programa Galicia Birding no que se engloban todas as posibilidades do territorio galego en materia de turismo ornitolóxico.
Entre os especialistas que se achegaron a Galicia estes días, e que foron acompañados polos técnicos de Turismo de Galicia, salientamos a presenza de David Lindon, tamén coñecido como The Urban Birder http://theurbanbirder.com.
É locutor, presentador, escritor, naturalista, fotógrafo, conferenciante e guía ornitolóxico. Nado en Londres, actualmente é un das persoas de referencia no Reino Unido (por extensión, prácticamente para todo o mundo) en canto á divulgación da vida salvaxe e, en especial das aves. En TV é un presentador habitual na BBC, ITV e Channel 4. E tamén noutras canles do mundo como a CBS nos Estados Unidos. Na Radio, na BBC Radio 4, BBC Radio 2, BBC Radio London e moitas outras.
Xunto a el acudiu Gorka Gorospe, un ornitólogo de prestixio, guía de natureza, antigo membro do Comité de Rarezas de SEO/BIrdLife, ilustrador e coñecido divulgador a través do seu coñecido blog. Fernando Pereiras ornitólogo e fotógrafo de natureza de Galicia.
http://avesypaisajesdelfinisterre.blogspot.com.es O seu blog é un dos máis seguidos en Galicia. Xoán Diéguez, fotógrafo de natureza e videógrafo de referencia en Galicia con traballos e colaboracións publicados en diferentes medios en papel e dixitais. E Xabier Pumariño, ornitólogo galego con ampla traxectoria en consultoría ambiental e, en especial, en conservación e ecoloxía aplicada.
O alto interese que espertan estas actividades vencelladas ao turismo ornitolóxico fixo que Turismo de Galicia creara o seu produto "Galicia Birding", do que existe unha ampla información na web oficial de promoción www.turismo.gal. Entre as actividades levadas a cabo nos dous últimos anos para o desenvolvemento deste novidoso eido turístico salienta a creación dunha app para móbiles denominada da mesma maneira "Galicia birding" e que xa está disponible nas bibliotecas dos teléfonos intelixentes. Na mesma descríbense os mellores lugares, os momentos do ano máis interesantes para o avistamento das diferentes especies, as rutas propostas para realizar en automóvil ou camiñando e mesmo os avistamentos recentes de especies menos comúns por parte doutros observadores. Esta aplicación complétase cunha completo caderno de campo para que cada usuario poida anotar os datos técnicos dos seus avistamentos, o que sive mesmamente a ornitólogos profesionais e turistas científicos.
A guía editada por Turismo de Galicia sobre as rutas ornitolóxicas de Galicia atópase a disposición do público nas oficinas de turismo ou pode descargarse en formato electrónico a través da web oficial de Turismo.