Turismo de Galicia impulsa o turismo relixioso coma un dos principais reclamos da nosa comunidade
A administración turística galega participou este ano no III Workshop Internacional de Turismo Relixioso que se celebrou na cidade portuguesa de Fátima
Por outra parte, Turismo de Galicia levou a promoción do Camiño de Santiago á feira especializada en turismo relixioso Sacroexpo que se celebrou na cidade polaca de Kielce
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no pasado mes de xuño na Conferencia Internacional sobre Turismo Relixioso da UNWTO que se celebrou na cidade de Belén
O turismo relixioso constitúe un dos principais activos e reclamos turísticos de Santiago de Compostela e por extensión de toda Galicia. Do turismo relixioso deriva o feito xacobeo e a peregrinación que contribúe ao pluralismo cultural, ao diálogo interrelixioso e ao respecto polas crenzas, así como ao desenvolvemento sostible do turismo.
De acordo coas estimacións da Organización Mundial de Turismo (OMT), entre 300 e 330 millóns de turistas visitan cada ano os enclaves relixiosos máis importantes do mundo, e alcanzan aproximadamente 600 millóns de viaxes relixiosas nacionais e internacionais, o 40 por cento deles en Europa.
Desde Turismo de Galicia impulsase este tipo de turismo a través de diferentes accións de promoción. Neste ano, a administración turística galega participou no III Workshop Internacional de Turismo Relixioso que se celebrou na cidade portuguesa de Fátima co obxectivo de promover contactos comerciais e colaborar na concienciación da importancia do turismo relixioso no contexto do sector turístico mundial.
Así mesmo, Turismo de Galicia levou a promoción do Camiño de Santiago á feira especializada en turismo relixioso Sacroexpo que se celebrou na cidade polaca de Kielce. A dita feira constitúe un dos eventos anuais máis importantes do centro de Europa relacionados co turismo relixioso, organizada nun país do que peregrinan a Santiago máis de 2.500 persoas.
Polo recinto de promoción galego pasaron milleiros de persoas en demanda de información sobre as distintas rutas do Camiño e a infraestrutura destas para acoller os peregrinos. Ademais, neste espazo ofreceuse información sobre os lugares máis importantes polos que pasa o Camiño, así como da cidade de Santiago e os distintos ritos propios da peregrinación a Compostela.
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no pasado mes de xuño na Conferencia Internacional sobre Turismo Relixioso da UNWTO que se celebrou na cidade de Belén.
No encontro, que acolleu autoridades do turismo, representantes das comunidades relixiosas, membros do sector turístico privado, organizacións internacionais e rexionais de desenvolvemento, Turismo de Galicia intercambiou puntos de vista, perspectivas e experiencias sobre como desenvolver e promover o turismo relixioso como unha ferramenta para o desenvolvemento socioeconómico.