02 nov 2015

Galicia incrementou os seus viaxeiros aloxados no mes de setembro nun 10,5% acadando un máximo histórico

No pasado mes de setembro Galicia rexistrou un total de 532.655 viaxeiros aloxados e máis dun millón de pernoctacións

A nosa comunidade rexistrou no pasado mes a segunda taxa máis elevada de crecemento de viaxeiros aloxados do conxunto do Estado

O turismo internacional acadou na nosa comunidade neste noveno mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con preto de 190.000, como de pernoitas, con máis de 300.000

Tamén o segmento dos apartamentos turísticos rexistrou cifras históricas no mes de setembro con máis de 9.500 viaxeiros e 32.000 pernoctacións

Gráfica da demanda turística de Galicia do pasado mes de setembro.

No pasado mes de setembro Galicia rexistrou un máximo histórico na cifra de viaxeiros aloxados na comunidade ao rexistrar un total de 532.655, un 10,5% máis que no mesmo mes do ano anterior. Nunca antes se superara a barreira do medio millón de viaxeiros no conxunto da oferta regrada de Galicia neste noveno mes do ano.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, subiron tamén na nosa comunidade o pasado mes as pernoitas nun 6,8% neste caso en relación ao mes de setembro de 2014, contabilizándose máis dun millón no conxunto de Galicia.

A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada aínda que nunha porcentaxe inferior á de Galicia, do 4,3% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,2% no que atinxe ás pernoitas. A nosa comunidade rexistrou no pasado mes a segunda taxa máis elevada de crecemento de viaxeiros aloxados.

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional en Galicia incrementouse no pasado mes nun 3,6%, como consecuencia esencialmente da suba da cifra de viaxeiros españois, do 8,6% neste caso. Este incremento global do turismo nacional permitiu que a nosa comunidade acadase neste mes de setembro a cifra de demanda máis elevada dos últimos cinco anos.

Pola súa parte, o mercado internacional rexistrou un crecemento do 15,5%, tamén auspiciado por unha mellora do nivel de viaxeiros estranxeiros aloxados en Galicia, do 14,2% neste caso. Así, o turismo internacional acadou na nosa comunidade neste noveno mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con preto de 190.000, como de pernoitas, con máis de 300.000.

En setembro o 87,2% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 68,0%- como ás pensións –co 19,1% neste caso-. O 12,8% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 3,1% da demanda total-, aos cámpings –co 5,9%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,8% neste caso-.

En canto ao incremento da demanda, no segmento hoteleiro o crecemento situouse no 6,5% -sendo superior nas pensións co 10,1% fronte aos hoteis co 5,6% neste caso-. No segmento extrahoteleiro obsérvase un incremento global da demanda, do 8,9%, provocada esencialmente pola suba rexistrada nos apartamentos turísticos –do 22,3%- e nos establecementos de turismo rural –do 12,5% neste caso-.

Os apartamentos turísticos e o turismo rural marcaron no mes de setembro máximos históricos de demanda, con máis de 9.500 viaxeiros e 32.000 pernoctacións e máis de 23.000 viaxeiros e preto de 40.000 pernoctacións respectivamente.

Acumulado do ano
Nos primeiros nove meses deste ano 2015 Galicia rexistrou tamén unha importante mellora dos seus niveis de demanda turística correspondente aos aloxamentos regrados, cun incremento do 12,1% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con máis de 3,7 millóns- e do 8,8% no que atinxe ás pernoctacións –con máis de 7,7 millóns neste período-.

No ámbito estatal obsérvase igualmente unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 5,7% mentres que as pernoitas incrementáronse un 3,8%. En termos de viaxeiros Galicia é novamente o destino que lidera o crecemento a nivel estatal neste período de nove meses.

Polo que respecta aos distintos mercados turísticos, o turismo nacional, subiu un 7,5%, cun crecemento de viaxeiros do 10,3%, e o turismo internacional incrementouse nun 13,7% motivado pola suba da súa cifra de viaxeiros do 17%.

Estes resultados fixeron que o turismo nacional acadase a cifra máis elevada de viaxeiros dos últimos cinco anos –con preto de 2,7 millóns- e que o turismo internacional rexistrase un máximo histórico tanto de volume –con preto de 1,08 millóns de viaxeiros aloxados e 1,75 millóns de pernoctacións- como de peso –representando o 28,5% dos viaxeiros e o 22,7% das noites-.

Nestes nove meses o 81,6% da demanda correspondeu aos establecementos hoteleiros –correspondendo o 63,9% aos hoteis e o 17,6% ás pensións -. O segmento extrahoteleiro absorbeu neste período ao 18,4% da demanda regrada, porcentaxe que na súa maior parte correspondeu aos cámpings –co 10,8% do total-.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 9% mentres que no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 7,9%. Foron os apartamentos turísticos a modalidade que rexistrou o crecemento de maior intensidade que, cunha suba do 30% no seu volume de viaxeiros aloxados e do 17% nas pernoctacións, acadaron máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados – con máis de 71 mil- como de pernoctacións – con máis de 280 mil-.

Tamén o segmento do turismo rural acadau un máximo histórico no acumulado destes primeiros nove meses do ano, con 156 mil viaxeiros aloxados no conxunto da comunidade.
 

Arriba