Turismo de Galicia forma aos bolseiros que promoverán a nosa comunidade nos principais mercados emisores
O grupo de bolseiros reuniuse co director de Competitividade de Turismo de Galicia, co xerente do Xacobeo e cos responsables de área de promoción turística
No seu plan de formación, participarán na actividade desenvolvida polas oficinas de turismo do estranxeiro, dependentes de Turespaña, no marco do plan de obxectivos para a promoción exterior
Durante o próximo ano, desenvolverán a súa formación práctica nas cidades de Londres, París, Frankfurt ou Los Ángeles
Os bolseiros en mercados emisores de Turismo de Galicia visitaron as instalacións deste departamento da Xunta de Galicia para coñecer de primeira man o traballo que realizarán durante a súa estancia no exterior.
Na súa visita, o grupo de bolseiros reuniuse co director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, co xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e cos responsables de área de promoción turística.
Os representantes de Turismo de Galicia explicáronlle cales serán as súas funcións principais nestas prácticas de especialización nas oficinas de turismo do estranxeiro dependentes de Turespaña.
Así mesmo, transmitíronlles a importancia do seu traballo e explicáronlles as claves nas que se está a focalizar á promoción da nosa comunidade como destino fora das nosas fronteiras, xa que servirán de ponte de unión entre Galicia e os seus principais mercados emisores.
Por outra parte, o obxectivo das bolsas é seguir fomentando a colaboración desenvolvida con Turespaña, na que se considera prioritario afondar na organización cooperativa de accións en materia de investigación.
Así, dentro do seu plan de formación, participarán na actividade desenvolvida polas oficinas de turismo no marco do plan de obxectivos para a promoción exterior. Así, colaborarán no desenvolvemento de actividades de promoción, información, comercialización, realización de estudos e análise sobre o comportamento dos axentes do mercado turístico, así como outras funcións que permitan ampliar os seus coñecementos sobre promoción turística internacional.
Ademais dedicarán un porcentaxe do tempo de formación a funcións xerais da Oficina de Turismo integrándose nos correspondentes equipos que lle aportarán unha gran aprendizaxe.
Durante o próximo ano, os bolseiros de Turismo de Galicia desenvolverán a súa formación práctica nas cidades de Londres, París, Frankfurt ou Los Ángeles.
A convocatoria destas bolsas é froito da aposta de Turismo de Galicia e Turespaña pola formación de profesionais en mercados turísticos emisores para así contar, nun futuro próximo, con expertos especialistas na busca de novos mercados cuxa demanda se axuste ás características de nosa oferta turística nacional en xeral e galega en particular.