29 feb 2016

Turismo de Galicia promove as visitas aos xardíns de inverno dos Pazos da Ruta da Camelia

Este itinerario, constituído por 12 contornas entre as que se inclúen xardíns públicos e privados, e visitas a pazos e outros edificios históricos, converteuse nun referente internacional

Ata mediados do mes de marzo, Turismo de Galicia promove unha campaña de difusión nos medios de comunicación galegos para impulsar este produto turístico

Así mesmo, difúndense as exposicións e acontecementos que se celebran esta tempada en Galicia arredor da camelia

Os xardíns de inverno da Comunidade galega, sobre todo os que albergan camelias, atópanse entre os meses de febreiro e abril no seu mellor momento e por iso Turismo de Galicia desenvolve unha campaña para promover as visitas a estas contornas tan específicas do territorio galego.

Así, durante a segunda quincena de febreiro e ata o vindeiro 18 de marzo, o departamento de Turismo da Xunta desenvolve unha campaña de difusión nos medios de comunicación de Galicia ao obxecto de incentivar as visitas a estes xardíns e ás súas contornas, que inclúen pazos e outros edificios históricos.

Ademais desta acción de promoción, Turismo de Galicia ten destacado na súa web o apartado ‘Pazos e xardíns da Ruta da camelia”, no que se atopan todos os recursos do produto ruta da camelia e os enlaces ás páxinas web dos pazos que contan con presenza en Internet.

Por outra parte, no site de Turismo de Galicia os usuarios poden atopar o calendario de exposicións relacionadas coa camelia para este ano 2016, que comezaron o pasado 16 de xaneiro en Tui e rematarán o 11 de decembro en Boiro.

Ruta da camelia
A camelia forma parte do patrimonio histórico e botánico da xeografía galega e da súa potencialidade como recurso turístico, un recurso que incide na imaxe de Galicia como destino experiencial, destino evocador de emocións e sensacións.

Para dar a coñecer este símbolo de identidade Turismo de Galicia impulsa e difunde a Ruta da Camelia, que converteuse xa nun referente internacional.

Esta ruta está constituída por 12 contornas que inclúen parques e xardíns públicos, e instalacións privadas, adegas e outros edificios históricos que conforman un patrimonio único, posto en valor como un dos produtos turísticos máis singulares da Comunidade galega.

Na actualidade, forman parte da Ruta da cameleia a Alemeda de Santiago, a Casa-museo de Rosalía de Castro, o Castelo de Soutomaior, o Parque do Castro, o Pazo da Saleta, o Pazo de Lourizán, o Pazo de Mariñán, o Pazo-Museo Quiñones de León, o Pazo de Oca, o Pazo de Quinteiro da Cruz, o Pazo de Rubiáns e o Pazo de Santa Cruz de Ribadulla.

A través dela, pódese descubrir os diferentes recursos dos concellos nos que se sitúan estes enclaves e xardíns adornados con exemplares desta planta.

A Ruta da Camelia convértese así no fío condutor para ir descubrindo o noso patrimonio vexetal, natural, a a arquitectura dos nosos pazos, o noso patrimonio eclesiástico e monástico; a riqueza da nosa gastronomía de costa e de interior. Todos eles son reclamos turísticos en si mesmos pero adquiren un significado especial se se descobren a través das cores das camelias en Galicia.

Arriba