14 mar 2016

Turismo de Galicia presenta os recursos ornitolóxicos galegos na Feira Internacional FIO

A pasada fin de semana, o departamento de Turismo da Xunta difundiu os valores turísticos da ornitoloxía galega na décima edición deste certame que se celebrou en Monfragüe

Ademais de contar cun stand propio, Turismo de Galicia participou en distintas reunións de traballo con operadores especializados e noutros encontros divulgativos

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, participou por sexto ano consecutivo na Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, o certame do Turismo ornitolóxico máis importante de España, que se celebrou a pasada fin de semana no Parque nacional de Monfragüe, Cáceres.

Os visitantes e profesionais que se acheguaron ata o stand de Turismo de Galicia puideron coñecer os 61 espazos de alto interese ornitolóxico identificados na nosa comunidade e distribuídos por todo o seu territorio.

Estes espazos están clasificados segundo os hábitats, e deste xeito podemos atopar zonas de litoral e mar aberto; áreas agropastorais; canóns e vales fluviais, áreas montañosas e boscosas; humedais interiores e contornas urbanas.

Especial protagonismo terán as 10 áreas identificadas como as zonas de alto interese ornitolóxico, que son: Estaca de Bares e O Barqueiro; ría de Ortigueira e Ladrido; Costa da Morte; Complexo Ons- O Grove; Humedais da Terra Chá; Montes de Cervantes (Os Ancares); Ribeira Sacra Sur (Canón do Sil), Serra da Enciña da Lastra; A Limia; Oímbra, Monterrei e Verín.

Paralelamente á actividade feiral, tamén se desenvolveu un programa de actividades para os visitantes e expositores, xornadas técnicas e un encontro de traballo con operadores turísticos especializados.

Organizado pola Junta de Extremadura, o certame FIO está considerado como o máis importante do seu xénero no sur de Europa é constitúe unha cita obrigada para todos os especialistas e afeccionados á ornitoloxía en España.

Nesta feira estiveron presentes desde empresas de turismo activo ata espazos naturais con alto valor ornitolóxico, pasando por aloxamentos rurais, fabricantes e distribuidores de material óptico e fotográfico ou publicacións especializadas.

Destino de turismo ornitolóxico
Galicia, situada a cabalo entre dúas rexións bioxeográficas -a eurosiberiana e a mediterránea- conta cunha orografía moi variada converténdose nun lugar perfecto para a observación de aves.


A súa posición estratéxica, un dos puntos máis occidentais de Europa, fai de Galicia un extraordinario lugar para o avistamento das migracións de aves mariñas.

Ademais, a nosa comunidade atesoura multitude de espazos naturais protexidos, entre os que destacan un parque nacional, seis parques naturais, 14 zonas de especial protección para as aves e cinco humidais declarados de importancia internacional polo Convenio de Ramsar.

Todo isto fai que Galicia ofreza excelentes oportunidades para a observación de aves en todo o seu territorio e ao longo de todo o ano.

Co obxectivo de impulsar o turismo ornitolóxico na nosa Comunidade, Turismo de Galicia está a desenvolver a Ruta Ornitolóxica que permitirá gozar destes recursos que diferencian a nosa Comunidade como destino.

Arriba