14 mar 2016

Un grupo de 23 alumnos de l'École de Savignac estudarán o European Bachelor no CSHG no curso 2016-17

O subdirector do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Luis Rial, viaxou a pasada semana ata Francia para coñecer e avaliar os estudantes

O 2016-17 será o sexto curso no que se imparte o 2º ano do grao europeo de Dirección Hoteleira —European Bachelor in International Hospitality Management— para alumnos da escola de Savignac. Este ano, un grupo de 23 rapaces e rapazas francesas estudarán en Galicia grazas a un acordo de colaboración a tres bandas entre a Universidade de Brighton (Gran Bretaña), l’École de Savignac (Francia) e o Centro Superior de Hostelería de Galicia.

O subdirector do CSHG, Luis Rial, viaxou a pasada semana ata a cidade francesa para coñecer e avaliar os futuros alumnos do CSHG que estarán en Galicia a primeiros de setembro deste ano, xusto cando comece o curso 2016-17. Luis Rial aproveitou a súa estancia alí para concretar aspectos académicos e loxísticos cos responsables de Savignac, tales como as condicións de aloxamento, o modelo de formación ou a xestión das prácticas en establecementos hoteleiros.

Durante a permanencia no Centro do alumnado francés, as materias impartiranse en inglés por profesores do CSHG e por un equipo de expertos en hotelería e xestión. Finalizado o semestre, realizarán un período de prácticas de seis meses en España en hoteis independentes e en compañías hoteleiras coas que o Centro ten asinados convenios de colaboración.

A presencia deste grupo será enriquecedora para alumnos e profesores do CSHG, pois lles permitirá intercambiar a súa experiencia con mozos e mozas doutros países europeos, que teñen outra cultura e outro idioma. Será unha experiencia intensa pois aloxaranse na residencia do campus do CSHG, onde convivirán con 100 españois.

Arriba