24 out 2016

Turismo de Galicia inaugura a exposición ‘O Camiño de Santiago. Víveo!’ na illa coreana de Jeju

A mostra enmárcase na celebración do Jeju Olle Walking Festival 2016 que se celebra ao longo dos camiños desta illa de Corea de Sur

No que vai de 2016 chegaron xa a Galicia 3.752 peregrinos coreanos, o que supón un incremento do 8,55% en relación ao mesmo período de 2015

Turismo de Galicia inaugurou na illa de Corea de Sur, Jeju, a exposición "O Camiño de Santiago. Víveo!", con motivo da celebración do Jeju Olle Walking Festival 2016.

Este festival de sendeirismo, que naceu en 2010, celébrase ao longo dos camiños da Illa de Jeju, o destino máis popular de vacacións entre os coreanos.

Os asistentes gozan, mentres completan un percorrido Olle de Jeju, por cada día do festival de distintos eventos culturais.

Así mesmo, durante o evento, cada pobo ao longo do percorrido dá a benvida aos participantes cunha comida local e unha gran variedade de espectáculos tradicionais.

Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, participa neste ano cunha exposición sobre o Camiño de Santiago que achegará aos numerosos asistentes ao evento a cultura xacobea.

Acordo de Amizade


As rutas de Jeju inspiran na experiencia da peregrinación xacobea e sérvenlles a moitos coreanos de adestramento antes de realizar o Camiño de Santiago.

Neste senso, Turismo de Galicia, e a Jeju Olle Fundation ultiman un Acordo de Amizade entre ambos itinerarios culturais, no marco da World Trails Network, cuxo comité executivo acaba de celebrarse en Tottori, Xapón, no Congreso Internacional de itinerarios do mundo.

Peregrinos coreanos


En 2015, dos peregrinos que selaron a súa Compostela un total de 4.073 procederon de Corea, sendo o noveno país estranxeiro en orde de afluencia.

Neste ano, esta cifra vai en aumento, e no que vai de 2016 chegaron xa a Galicia 3.752 peregrinos coreanos, o que supón un incremento do 8,55% en relación ao mesmo período de 2015.
 

 
Arriba