A directora de Turismo de Galicia viaxa a Paraguai para continuar coa promoción do Camiño de Santiago
Nava Castro realizará dúas presentacións aos principais turoperadores turísticos do país do Camiño de Santiago como produto turístico na capital de Paraguai, Asunción, e na cidade de Ciudad del Este
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta manterá diversos encontros institucionais e comerciais
Entre outras reunións, a directora de Turismo de Galicia reuniuse onte co embaixador de España no país, Diego Bermejo
Esta viaxe constitúe un paso máis na relación entre Galicia e Paraguai que está a ser cada vez máis intensa tras o protocolo de colaboración asinado por ambas rexións para poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción turística
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, iniciou onte unha viaxe institucional a Paraguai.
Durante a súa visita ao país sudamericano, Nava Castro realizará dúas presentacións aos principais turoperadores turísticos do país do Camiño de Santiago na capital de Paraguai, Asunción, e na cidade de Ciudad del Este que contarán coa participación da Ministra de Turismo da República de Paraguai, Marcela Bacigalupo.
A responsable de Turismo da Xunta explicará as numerosas iniciativas que leva a cabo o Goberno galego a prol do desenvolvemento e promoción do Camiño de Santiago como produto turístico e as distintas opcións que contan os peregrinos para organizar a súa viaxe. Nava Castro expoñerá, así mesmo, a oferta e servizos complementarios á ruta xacobea que ofrece Galicia como destino.
A viaxe da directora de Turismo de Galicia constitúe un paso máis na relación entre Galicia e Paraguai que está a ser cada vez máis intensa.
A visita ten lugar no marco do convenio de colaboración asinado por ambas rexións no ano 2015 para poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción turística e para o achegamento das rutas turísticas, tanto a Ruta Jesuítica de Paraguai como o Camiño de Santiago. O documento foi suscrito pola ministra de Turismo de Paraguai, Marcela Bacigalupo, e a directora de turismo de Galicia durante a Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, en presenza da máxima autoridade do turismo mundia, Talef Rifai, o secretario xeral da Organización Mundial de Turismo (OMT).
No mesmo senso de fidelizar as rutas con accións de promoción turística, se prevé a presentación da Ruta Jesuítica de Paraguai en Madrid, no marco da semana paraguaia que terá lugar en Madrid en maio.
Encontros institucionais e comerciais
Na súa viaxe, a directora de Turismo de Galicia, manterá diversos encontros institucionais e comerciais. No día de hoxe, a responsable de Turismo da Xunta reunirase na capital de Paraguai co embaixador de España no país, Diego Bermejo.
Así mesmo, Nava Castro manterá un encontro mañá, martes 29 de marzo, con Armando Nasser, cónsul de Italia en Ciudad del Este e empresario, e con Elva Figueredo, de Lleva Viajes & Turismo, unha axencia de viaxes especializada e dedicada á venda de servizos turísticos receptivos.
Por outra parte, o mércores 30 de marzo, Nava Castro reunirase con Chariff Hamound, cónsul de Eslovaquia en Ciudad del Este e propietario do Shopping Monalisa; con Rafael Plañiol, propietario do Shopping Jesuitas Plaza; e Isidro Ibarra, presidente da Cámara Oficial Española de Comercio, Industria e Servizos de Paraguai.