01 nov 2016

Galicia pon en valor a camelia cun novo produto turístico que combina o atractivo desta flor coa enogastronomía

Promovido polo Pazo Quinteiro da Cruz e o Eirado da Leña en colaboración con Turismo de Galicia, “Sinte a camelia 5 experiencias” permite gozar desta flor en todas as súas dimensións

No marco deste novo proxecto, o 25 e 26 de marzo, terán lugar no Pazo Quinteiro da Cruz as xornadas “Ven a comer a camelia” que contarán coa participación do cociñeiro Iñaki Bretal

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou na rolda de prensa de presentación do proxecto “Sinte a camelia 5 experiencias” promovido polo Pazo Quinteiro da Cruz e o Eirado da Leña en colaboración con Turismo de Galicia.

Este novo produto innovador, que ten a camelia como eixe da experiencia, funde gastronomía, viñedos e esta flor insignia da nosa comunidade potenciando así a marca Galicia.

Así, nesta nova ruta turística os visitantes poden gozar de todos os sentidos a través da experiencia de sentir a camelia en todas as súas dimensións.

O percorrido inclúe unha experiencia gastronómica cun menú degustación formado por un aperitivo, dos entrantes, un planto principal, dunha sobremesa e un té elaborado no Pazo Quinteiro da Cruz. Todos os pratos levan como ingrediente algunha parte da camelia, xa sexa na elaboración do prato principal ou nalgunhas das guarnicións.

O menú evolucionará segundo a época do ano, ao ritmo da natureza, en función da dispoñibilidade das diferentes variedades de camelia xa que dependendo da especie van florecendo ao longo do ano.

Así mesmo, no marco deste novo proxecto, o 25 e 26 de marzo, época de maior floración das camelia, terán lugar no Pazo Quinteiro da Cruz as xornadas “Ven a comer a camelia” que contarán coa participación do cociñeiro Iñaki Bretal.

Aposta pola potenciación deste recurso turístico

Turismo de Galicia traballa na posta en valor deste recurso único, a través tamén da Ruta da Camelia que, constituída na actualidade por unha ducia de xardíns tanto públicos como privados, configura un gran reclamo para os turistas que visitan a nosa comunidade e converteuse xa nun referente internacional.

Así, entre outras iniciativas, para mellorar esta ruta e adecuala ás necesidades de turistas e visitantes, Turismo de Galicia desenvolveu no pasado ano unha sinalización turística propia que permite identificar con facilidade este recurso e permite descubrir o seu patrimonio de maneira sinxela.

Por outra parte, neste ano, Turismo de Galicia levou a cabo unha campaña de difusión nos medios de comunicación de Galicia ao obxecto de incentivar as visitas aos xardíns de inverno da Comunidade galega, sobre todo os que albergan camelias, e ás súas contornas, que inclúen pazos e outros edificios históricos.

Arriba